Mercedes Peón, Rager, Shooting Daggers ou Za!, no Incode Fest de Pontevedra
PONTEVEDRA CIUDAD
Este sábado desenvolveranse as Xornadas sobre inclusión, equidade e diversidade
22 may 2026 . Actualizado a las 19:29 h.A terceira edición do Incode Fest, que se desenvolverá o 29 e 30 de maio na Alameda de Pontevedra, volverá a destacarse por ser o «festival dos proxectos musicais máis novos de Pontevedra, das bandas máis xovenciñas (...), pero este ano medra con novos proxectos», en palabras do concelleiro Demetrio Gómez.
Nesta ocasión, Estudo Bonobo, impulsor deste festival que busca ser un escaparate e un pulo para as novas xeracións, volve «repetir con todas as escolas que viñan participando con nós», caso de Musicanda, Gaia, A Banda Xuvenil de Salcedo, Redobla.., incidiu Gonzalo Maceira. Remarcou que «unha das apostas fortes da escola era a convivencia, a cooperación, a inclusión de diferentes entidades que se adican á formación musical e á formación artística», marco no que nesta edición «repetimos unha colaboración coa Orquestra Sinfónica Xove no proxecto que se chama For the first time», engadiu.
Pola súa banda, Violeta Mosquera resaltou que, ademais de ser un festival inclusivo —aí está a proposta de Voces Ocultas—, é unha cita onde artistas profesionais danse a man con noveis e «maioritariamente feminino». «Temos propostas super incribles e consolidadas, caso da raíña Mercedes Peón acompañada por Ana Fernández e Mónica de Nut, co seu proxecto Déixaas. Apostamos, sobre todo, por talento local, máis ou menos consolidados, como Rager, Pablo & Los Ciervos Dorados, Uanomoto, Faul», precisou, ao tempo que sinalou que «contamos tamén con xuventude galega con propostas da terra que están pisando moi forte, caso de Jade4, e temos tamén a Shooting Daggers que veñen de Londres e que por primeira vez van estar en Galicia, e contamos tamén cos grandísimos Za!».
Previamente ao festival, este sábado, desenvolveranse na Casa da Luz as Xornadas sobre inclusión, equidade e diversidade «para reflexionar sobre o papel educativo, formativo, integrador da música», precisou Maceira.