Pontevedra claudica ante Fillas de Cassandra e a súa «Tertúlia»
PONTEVEDRA CIUDAD
A gran sorpresa da velada foi a presenza de Abraham Cupeiro tocando o karnyx celta na canción Cassandra
10 may 2026 . Actualizado a las 20:13 h.Con toda a equipa que fixo posible Tertúlia cantando e bailando Lodos sobre o escenario rematou este sábado, ao fío da medianoite, a posta de largo en directo do novo traballo discográfico de Fillas de Cassandra. Foi a culminación dun concerto presentación no que María SOA e Sara Faro practicamente encheron o recinto feiral de Pontevedra cunha proposta musical que se pode resumir nun adxectivo: espectacular.
Se o primeiro sinxelo que se coñeceu de Tertúlia foi Saír á fresca, este mesmo tema foi o que elixiu o dúo vigués para romper fogo. Ao longo de noventa minutos, Fillas de Cassandra deixou patente unha posta en escena medida milimetricamente, na que nada —ou practicamente nada— quedou nas mans do azar e na que interpretaron a totalidade dos doce temas deste disco, xunto a outros de Acrópole e Hibernárse. En total, dezanove cancións que se fixeron curtas.
E o publico respondeu nun concerto no que María SOA e Sara Faro, nalgúns momentos, decidiron rachar coa cuarta parede e dialogar co algúns dos presentes como se dunha tertúlia se tratase ou para saudar ás sús avoas. E como en toda tertúlia, no seu paso por Pontevedra, a súa segunda casa, decidiron rodearse das súas amigas e amigos, de tal xeito que estiveron acompañadas por Ede en Déixate ver e por Caamaño & Ameixeiras en Arderse, mentres que Pipiolas puxo o contrapunto en Cuchicheo. De igual xeito, subíronse ao escenario Zetak para interpretar Bucólica e un quinteto da Agrupación Musical do Rosal fixo o propio coa canción homónima do disco. De igual modo, DJ Rapante (Paula Somoza) amenizou os momentos previos e posteriores dun concerto sen concesións.
Prometeran sorpresas e sorpresas houbo, quizais a máis inesperada foi a saída de entre o público de Abraham Cupeiro tocando o karnyx celta na canción Cassandra.
Se en 1974, Jon Landau deixou escrito «vin o futuro do rock and roll e o seu nome é Bruce Springsteen», medio século despois, o presente da música en galego ten moitos nomes, pero un deles é, definitivamente, o de Fillas de Cassandra.
Aínda que no seu caso, non se pode falar dun xénero en concreto, xa que escapan a calquera termino que poida cercenar á súa liberdade creativa. Aliméntanse da electrónica, si, pero tamén da música tradicional, como de ritmos urbanos, pero tamén do rock e, incluso, da copla. Cinguir a súa música a un único xénero é imposible como quedou demostrado na cidade do Lérez, que claudicou este sábado ante o seu arrollador directo e empuxe musical no que estiveron arroupadas por Icía Varela, na percusións e voces, Elena Domínguez, na percusións, voces e violoncello, e Vicky González na batería. Ademais, a escenografía correu da man do colectivo As dúas e punto, mentres que a dirección de movemento foi obra de Daniel Rodríguez.
Tras o concerto de Pontevedra iniciase unha nova etapa para Tertúlia e Fillas de Cassandra, un longo percorrido en forma de xira.