Máis de trescentas persoas subiranse ao escenario en Pontevedra para musicar poemas de Manuel María, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

SERGIO SUEIRO

Tratase dun proxecto que «se ven fraguando a lume lento dende o ano 2018», precisou Alberte Ansede

05 may 2026 . Actualizado a las 19:26 h.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o vindeiro 29 de maio o concerto As rúas do vento ceibe, espectáculo que concentrará con máis de trescentas persoas enriba do escenario que musicarán poemas de Manuel María, de quen toman o título deste evento, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro con música de Xosé Carlos Seráns Oliveira. «Estamos diante dun proxecto que envolve unha parte moi importante da cultura do noso país, da nosa cultura en galego», destacou o concelleiro de Cultura Demetrio Gómez, quen subliñou a colaboración que fará a Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a Coral Polifónica e o Coro do IES A Xunqueira, agrupacións ás que se sumarán os coros de Cámara Thalassa de Marín, o do Hospital de Lugo e o do Liceo de Vilagarcía, xunto á Coral Solfa de Santiago, Voces da Terra Chá de Lugo e Peque Coro in crescendo de Ferrol.

Ademais, contarase coa mezzosoprano Julia Portela Piñó e coa dirección de David Fiuza.

Pola súa banda, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María, precisou que se trata dun «proxecto de longuísimo alcance e dunha enorme complexidade» que «se ven fraguando a lume lento dende o ano 2018». Foi por entón cando desde a fundación encargáronlle a Seráns Oliveira a composición musica dunha serie de poemas do libro As rúas do vento ceibe, editado no 1979 e que estaba destinado ás crianzas, e no que o escritor de Outeiro de Rei «despáchase a gusto volcando nestes poemas o seu sentimento sobre o país».

«É unha posta en escena de voz e música sobre poemas de Manuel María, pero conformando un coro xuvenil con coros de distintas cidades e un coro de adultos conformado con cinco coros de distintas localidades. Non é unha sucesión de intervencións de coros, é un coro conxunto», engadiu.