Un relatorio reflexiona dende Pontevedra sobre o control social ou a represión das mulleres
PONTEVEDRA CIUDAD
A cita reunirá a Carmen V. Valiña, María Xesús López Escudeiro e Carme Vidal Laxe
30 abr 2026 . Actualizado a las 09:54 h.Baixo o título de Tolas ou rebeldes? Control social e represión das mulleres, o vindeiro 6 de maio (19.00 h.) desenvolverase no CIM-Centro de Información á Muller de Pontevedra unha nova cita dos faladoiros feministas que promove a Concellería de Igualdade, ao abeiro do programa Primavera Feminista e que xira arredor do binomio Memoria e Muller.
Nesta ocasión, e moderado pola xornalista Alba Moledo Ucha, contarase con tres poñentes. Por unha banda, Carmen V. Valiña, doutora en Historia Contemporánea e autora do ensaio As tolas que non eran, que documenta, avalía e narra a realidade de moitas mulleres ingresadas no hospital psiquiátrico de Conxo, como medida de control social, castigo e mesmo de vía para a apropiación ilexítima do seu patrimonio e como foron quen, algunha delas, de rebelarse e loitar contra o destino adxudicado contra a súa vontade, e, por outra, María Xesús López Escudeiro, docente, ex-concelleira de Cultura, Educación e Igualdade de Pontevedra, referente do programa A Memoria das Mulleres e artífice do roteiro Pontevedra en feminino. E por último, Carme Vidal Laxe: xornalista, ensaísta e experta no estudo dos mecanismos de control e represión das malas mulleres” no último século. Estivo na Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega.
«O patriarcado quere mulleres dóciles e submisas, criadoras de fillos que dean continuidade a estirpe do varón, que non dubiden e non cuestionen, que sexan invisibles», reseñan dende o Concello de Pontevedra ao aludir a este faladoiro que é de acceso libre ata completar a cabida da sede do CIM.