Paula Ríos, pola súa banda, ofrecerá un concerto no Museo de Pontevedra
18 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.De novo, Pontevedra oferta unha completa e diversa axenda cultural para este mércores de marzo
Música
Hoxe • 17.00 horas • Conservatorio de Música Manuel Quiroga • No marco do ciclo Músicas Silenciadas, recupérase a figura de América Martínez, guitarrista pioneira que fixo historia ao converterse na primeira catedrática de guitarra de España. A súa traxectoria artística e pedagóxica marcou o desenvolvemento do instrumento no noso país, aínda que o seu nome non sempre ocupou o espazo que merecía e merece dentro do relato musical. A musicóloga Pilar Serrano Betored, doutora pola Universidade Complutense de Madrid, guiaranos nesta viaxe a través da vida e do legado dunha figura clave da guitarra. A conferencia irá acompañada dun recital homenaxe.
Cinema
Hoxe • 16.00 horas • Facultade da Comunicación • Proxección de Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo, dentro da quince Máster Class Audiovisual Galego Augal, que este centro promove co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Pontevedra. A exhibición completarase cun coloquio con María Arias, axudante de dirección e egresada desta facultade pontevedresa.
Música
Hoxe • 19.00 horas • Edificio Castelo • Paula Ríos pechará a programación de Ao Son do Piano, ciclo de concertos de música clásica arredor do piano de cola do Museo de Pontevedra. Descrita como unha intérprete de forte personalidade, refinada técnica e orixinalidade nas súas propostas, Paula Ríos desenvolve unha intensa actividade como solista en España, no Reino Unido, en Francia, Italia, Hungría, Suíza, Alemaña, Portugal e Arxentina, e realiza gravacións para RNE, TVE, Radio Suisse Romande, TVG, IB3 e RG.
Salón do Libro
Hoxe • 17.15 horas • Pazo da Cultura • Cunha visita guiada polo Salón do Libro arrancará esta xornada na que, ademais, A Cova dos Libros Fantásticos acollerá (18.00 h.) unha sesión de contos e música, Perdido?, con ContAZ. E, ás 19.00 horas, obradoiro de bingo musical. No exterior do Pazo, o Teatro Principal acollerá o concerto Agrupacións (20.00 h.), a cargo do CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, e no pub La Verbena o colectivo Pontevedra por Palestina desenvolve o recital poético con micro aberto Poesía contra o xenocidio.