A cidade e a súa contorna ofertan unha ecléctica programación cultural
05 mar 2026 . Actualizado a las 17:11 h.Pontevedra ofrece este xoves unha completa palestra de actividades culturais que van dende o teatro ata as exposicións de arte contemporáneo.
Teatro
Hoxe • 21.00 horas • Teatro Principal • Segunda das funcións do ciclo Ponteatro que, nesta ocasión, porá en escena a obra Tromsø da compañía Morraoconto. A peza aborda con humor o feito de que «cando un ser querido nos deixa, o baleiro que queda énchenos dun silencio que, ás veces, nunca conseguimos facer desaparecer. Aférrase ao corazón apagando para sempre parte da súa luz. Tromsø é unha reflexión en clave de humor dende a perda. Sobre a vida, a morte e todo o que queda entre medias. É un canto á tristura pero tamén á esperanza. Unha viaxe épica polos mares do norte, navegando tormentas, fiordes e enormes cardumes de arenque, na procura de respostas nun lugar onde as candorcas, co seu canto, desgarran o silencio salvaxe da aurora boreal».
Faladoiro
Hoxe • 19.00 horas • IES Valle-Inclán • Jesús Núñez Villaverde, economista pola Universidade Autónoma de Madrid e militar retirado —comandante na reserva— inaugurará o ciclo Tambores de guerra con O mundo baixo o impacto de Trump: unha visión desde a Unión Europea. Nesta intervención analizará como «o regreso de Donald Trump está a acelerar o colapso da orde internacional vixente, mostrando abertamente a disfuncionalidade do marco institucional e normativo creado desde o final da II Guerra Mundial. Así mesmo, a proliferación de conflitos violentos e a competencia entre Estados Unidos e China pola hexemonía planetaria non fai máis que incrementar a inquietude e a incerteza a escala global». E neste escenario a Unión Europea pugna «por atopar o seu lugar, enfrontado a unha dobre ameaza (Rusia e EE UU) e lonxe aínda de lograr a súa autonomía estratéxica».
Conferencia
Hoxe • 19.00 horas • Escuela Naval Militar de Marín • No marco da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que impulsan a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín, o profesor titular desta universidade José Carlos López Ardao disertará sobre Intelixencia artificial: que é, como funciona e por que xa forma parte da túa vida.
Faladoiro
Hoxe • 18.00 horas • Boa Vida • Faladorio intercultural Mulleres do Mundo que incide no feito de que «cada muller ten consigo unha historia, un país, unha cultura, unha loita e unha fortaleza… …Porque cando unha muller fala, moitas senten acompañadas».
8M
Hoxe • 18.00 horas • UNED • Dentro dos actos conmemorativos do 8M, Día Internacional da Muller, desenvolvese unha xornada que, baixo o título de O papel das mulleres no mundo actual: A Política Exterior Feminista e o Pacto do futuro, pon o foco no papel das mulleres no mundo actual e a súa influencia na axenda global de igualdade e dereitos humanos. Este acto terá formato online e converterase nun espazo de análise, reflexión e diálogo arredor da Política Exterior Feminista e o Pacto do Futuro das Nacións Unidas, iniciativas clave na construción de sociedades máis xustas e igualitarias. Participarán María Solanas, directora de programa do Real Instituto Elcano, Manuela Mesa, codirectora do Instituto Universitario DEMOSPAZ (UAM), Inés Arco Escriche, investigadora do CIDOB, entre outras figuras destacadas na análise das relacións internacionais desde unha perspectiva feminista.
Escolar
Hoxe • 10.30 horas • CEIP Plurilingüe da Torre Cela • «Esforzo, empatía, aceptación da diferenza, reforzo da autoestima ou respecto son algúns dos ensinos presentes en Todas e todos contamos, unha actividade impartida por persoas con discapacidade pertencentes á Fundación Igualarte da man de Afundación» que este xoves achegarase a este centro educativo de Bueu. Así, ás 10.30 horas, os estudantes dende 1º a 4º de Educación Primaria asistirán á obra de teatro As tarefas do fogar entre todas e todos, mentres que, dende as 11.45 horas, os cursos de Educación Infantil asistirán ao contacontos A serea no océano.
Exposición
Hoxe • 19.00 horas • Casa das Campás • A sede da Vicerreitoría do campus inaugura a exposición que permitirá coñecer os resultados do proxecto Pontevedra Debuxada, promovido polo concello xunto con Taller Abierto e as docentes da Universidade de Vigo Begoña Paz, Iciar Ezquieta e María Covadonga Barreiro, profesoras das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Belas Artes. «Centrado en captar miradas diferentes sobre a cidade e repensar o espazo urbano desde a creatividade, esta iniciativa abrangueu a creación de planos artísticos de Pontevedra por parte das ilustradoras Natalia Umpiérrez, Aida Alonso e Paula Chesire», destacaron ao respecto. A mostra recolle «o proceso de traballo e metodoloxía para o deseño duns planos que interpretan o rueiro de Pontevedra desde distintas ópticas», de tal xeito que, xunto ás obras finais das tres artistas, a exposición exhibe os resultados dunha serie de obradoiros desenvolvidos en outubro e novembro e nos que nenos crearon as súas propias obras inspirándose no estilo e nos procesos de traballo destas tres artistas.
Exposición
Hoxe • 11.00 horas • Facultade de Belas Artes • A sala Profesor Manuel Moldes acolle a inauguración de Cando falo de corpo, que reúne as obras de dezasete artistas galegos, conectadas pola idea de corporalidade. Comisariada por Cora Novoa, busca promover un «achegamento a prácticas diversas que comparten unha atención común ao corpo como lugar de experiencia, arquivo vivo e medio de relación». Expoñense obras de Pablo Agma, Raquel Álvarez, Eva Antelo, Ángel Arias, Lara Castro, Noa Castro, Álvaro Chior, Lois Cid, Andrea Davila, Carlos Fer, Adrián G. Salgueiro, Ana Gesto, Marina González Guerreiro, Uxía González, Alba Mantilla, Mourae e Taro. Poderá visitarse ata o 24 de abril, de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.
Enoloxía
Hoxe • 20.30 horas • Mímate Delicatessen • Da man de Jacobo Rivas, cata de viños de Ribera del Duero. Require reserva previa co pago de 35 euros por persoa e inclúe picoteo ao final da cata.