As actuaciones arrancarán o 14 de marzo con Sés no Pazo da Cultura
20 feb 2026 . Actualizado a las 09:55 h.Sés, Yerai Cortés, Revolver, Fillas de Cassandra... E así ata nove propostas musicais «para públicos moi amplos e que nos vai permitir completar unha programación que abrangue cine, teatro, literatura e, incluso, outros tipos de música que facemos tanto nós como en colaboración con outras entidades do concello, que permiten que as infraestruturas cultuais de Pontevedra estean funcionando a tope durante esta tempada do ano». Con estas palabras, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentou a axenda de concertos que se desenvolverá ata o vindeiro 30 de maio.
Trátase dunha programación que inaugurará Sés o 14 de marzo coa presentación no Pazo da Cultura do seu novo traballo, Nadando na incerteza, para continuar neste mesmo espazo o 24 de abril con Yerai Cortés, mentres que ao día seguinte será a quenda da xira Canciones desnudas de Nando Agüeros.
Ese mesmo día, pero no Teatro Principal, Aida e Raül Refree traen o seu novo proxecto musical Gala i Ovidio. Xa o 9 de maio, o recinto ferial acollerá a presentación de Tertulia, novo disco de Fillas de Cassandra, e o 15 a artista Karmento e a xira de despedida de La Serrana estarán no Principal. Vinte e catro horas despois os sons de Revolver e o seu LA 03010 Tour recalarán no Pazo da Cultura.
O 22, o Principal acollerá Benquerer, o novo espectáculo de Fran Sieira, quen estará acompañado por Caamaño&Ameixeiras. O último destes concertos é o de Carla Lourdes e Javier Lago neste espazo o 30 de maio.