O monte e a cultura saíron gañando con Fernando Pintos e Polo Correo do Vento
PONTEVEDRA CIUDAD
A entrega dos premios Cidade de Pontevedra ensalzou o compromiso veciñal e a creatividade artística
21 ene 2026 . Actualizado a las 20:02 h.Os premios Cidade de Pontevedra, tal e como lembrou este martes na entrega dos galardóns o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, «recollen e lembran para a posteridade os fitos logrados pola veciñanza desta cidade que amamos». Nesta edición, recoñeceuse o compromiso veciñal de Fernando Pintos, e o de Polo Correo do Vento coa lingua e a divulgación da cultura galega en xeral e pontevedresa en particular. Estes foron os premiados, pero quen de verdade sae e sairá gañando no futuro grazas ao seu traballo son, sen lugar a dúbida, o monte comunal e a veciñanza de Salcedo, e os centos de nenos e nenas que grazas á creatividade artística plasmada en contacontos, roteiros, ilustracións, libros e murais van ser «hoxe e mañá mellores persoas».
O salón de plenos da Casa Consistorial encheuse para render homenaxe aos galardoados cos Cidade de Pontevedra. Ocupando o lugar de honra e secundados por toda a corporación municipal estaban Fernando Pintos e Kike Mauricio, cofundador de Polo Correo do Vento, xunto con Joana Lorenzo, quen foi compañeira da outra metade da empresa, Carlos Taboada, finado o pasado verán. Tamén o seu fillo, Artai, tivo protagonismo ao saír de entre o público para recoller o premio de mans do alcalde, nun dos momentos emotivos do acto.
No seu discurso de aceptación, Fernando Pintos subliñou que «toda a veciñanza de Salcedo é merecedora deste premio, porque foi quen de unirse na idea de normalizar as relacións coas entidades militares e as administracións locais, facendo con elo posible a recuperación e posta en valor do seu patrimonio comunal e a execución de proxectos materiais que hoxe favorecen ao conxunto da cidadanía nesta querida Pontevedra».
Pintos aludiu á importancia histórica da terra como subministradora de sustento en tempos difíciles, e subliñou que a súa relevancia segue vixente a día de hoxe como fonte de vida, osíxeno e auga. «A nosa vida depende dela. Por iso, é máis necesario ca nunca coidar esas terras, custodialas e defendelas de maneira comunal, para que a natureza dos nosos montes continúe viva e protexida fronte a todo tipo de depredadores».
Rematou cun chamamento a «entenderse na discrepancia, esforzarse polo acordo, defender o común e traballar pola mellora da veciñanza» como «obxectivos prioritarios dos pobos que aspiran a manter vivo este planeta, evitando a súa destrución promovida por quen despreza a natureza que sostén a súa propia vida».
ADN pontevedrés
No seu discurso Kike Mauricio lembrou que a cidade de Pontevedra, as súas rúas e prazas, xogaron un papel fundamental no nacemento de Polo Correo do Vento, un proxecto «fundado por dous exporteiros de balonmán, formados na canteira do Teucro; fillos de mestres do ensino público, estudantes do Sánchez Cantón e grandes desfrutadores da nosa vila, tanto de día como de noite». «Este ADN pontevedrés —continuou— fixo que o primeiro bosquexo do noso primeiro libro, A mariquiña carteira anduriña, se crease nunha terraza da Praza da Verdura». Logo chegaron o primeiro contacontos no Froebel e o encargo de Edicións Xerais para comezar unha serie de contadas por Galicia.
Así botou a andar Polo Correo do Vento: «Charlie e eu estabamos felices; parecía coma se nos tocara a lotaría: íannos pagar por contar e debuxar». O resto, como acostuma a dicir, é historia: «O certo é que o que propuxemos gustou e, sen buscalo, acabamos creando o noso modo de vida: unha empresa na que o pasamos xenial, aprendemos moito e traballamos arreo, pero con gusto. Botamos moitas horas… pero tamén soubemos parar para tomar algunha caña, compartir tortillas, polbo ou churrascos. Sen buscalo, deseñamos algo que nos facía felices».
A empresa medrou, pero Polo Correo do Vento nunca renunciou aos valores de Kike e Charlie: «O amor pola cultura e pola historia do país, o respecto pola lingua, o compromiso coa memoria, coa ecoloxía coa igualdade e coa diversidade. Este respecto polas nosas crenzas levounos, en varias ocasións, a dicir non a traballos financiados por empresas contaminantes, con moito poder e pouca dignidade. Porque moitas veces dicir que non reconforta… e senta moi moi ben».