O CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra, centro anfitrión no inicio do programa «21 días co galego e +»

c. b. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Actuación de Migalas, este venres, no CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra, dentro do programa «21 días co galego e +»
Actuación de Migalas, este venres, no CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra, dentro do programa «21 días co galego e +» SERGIO SUEIRO

A iniciativa favorece o uso do galego a través de actividades de lecer que van máis alá da educación nas aulas

16 ene 2026 . Actualizado a las 20:00 h.

O CEIP Álvarez Limeses de Pontevedra foi o centro escollido este venres para a apertura da oitava edición do programa 21 días co galego e +. Trátase dunha iniciativa que impulsa a Xunta e que naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. O colexio de educación infantil e primaria Álvarez Limeses fixo de anfitrión nesa xornada, na que se achegaron ao centro o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. Nesta edición participan dez centros educativos. Destacou Valentín García que se trata dunha proposta de dinamización lingüística que ten moi boa acollida ano tras ano: «Favorece o uso do galego a través de actividades de lecer que van máis alá da educación nas aulas, e contempla o espazo escolar no seu sentido máis amplo como un lugar de socialización para a xente moza». Naceu dunha experiencia que no 2013 se puxo en marcha no IES da Pobra do Caramiñal.

O programa 21 días co galego e + conta coa colaboración de toda a comunidade, entre alumnado, mestrado e persoal dos centros, que participan voluntariamente. Explican desde a Consellería de Cultura que esta nova edición, que estenderá as súas actividades ata o 6 de febreiro, están involucradas un total de 3.760 persoas, cuxas propostas quedarán reflectidas nas redes sociais do programa e no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central do programa, onde se mostrarán as creacións de cada colexio.