Tradición e modernidade danse a man na axenda cultural desta xornada de venres de xaneiro na cidade de Pontevedra.
Teatro
Hoxe • 12.30 horas • CEIP Álvarez Limeses • Migallas Teatro leva o seu espectáculo Merenda con pan de millo ata este centro educativo de Pontevedra. Está baseado no libro-disco Pan de millo que combina cancións e narración oral co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor.
Cinema
Hoxe • 19.00 horas • Casa das Campás • Dulce bellum inexpertis, a guerra é doce para os inexpertos, é o título do novo ciclo de cinema da Vicerreitoría do campus universitario de Ponteveda que, impulsado pola Universidade de Vigo e o concello de Pontevedra, afondará nos efectos das guerras a través de filmes de diferentes xéneros. Esta tarde proxectarase o filme alemán Catro de infantería, de Georg Wilhelm Pabst, «un dos piares fundamentais do cine antibelicista da década de 1930», destacou o seu coordinador, o codirector do festival Novos Cinemas Suso Novás.
Literatura
Hoxe • 19.30 horas • Sala VerSus • A Fundación Cuña-Casasbellas. Fabulario Novo-Hipofanías impulsa a presentación en Pontevedra do libro Dragón (Autófagas editorial, 2024), do artista e escritor José Manuel Bouzas. Partindo das conversacións que mantén co poeta José Ángel Valente, o autor «analiza, reflexiona e contextualiza unha importante parte non só da obra de José Ángel Valente, senón tamén do propio ser humano que o poeta foi», así como «á súa solidez intelectual e ás inmensas dotes como profesor, escultor e gravador, súmalle a tamén infrecuente circunstancia de ter sido amigo persoal do poeta laureado, entre outros, co premio Cervantes», destaca Álvaro Lago, escritor e editor de varios ensaios sobre o propio José Ángel Valente, quen acompañará José Manuel Bouzas na presentación de Dragón.
Música
Hoxe • 21.00 horas • Auditorio de Afundación • A considerada como mellor banda tributo a Pink Floyd, IM-PULSE, recala en Pontevedra cunha excelente posta en escena e unha presenza escénica espectacular. A banda malagueña ten previsto ofrecer «un abraiante espectáculo de imaxes, luz e son, meticulosamente elaborado, cativan ao público recreando a atmosfera única dos concertos desta gran banda, unha das bandas de rock progresivo máis representativas de todos os tempos».