A programación dos Feroz en Pontevedra abre debate sobre as mulleres e o cinema galego

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

A concelleira Anabel Gulías e a coordinadora do ciclo, Paula Cabaleiro, este mércores no Concello de Pontevedra
A concelleira Anabel Gulías e a coordinadora do ciclo, Paula Cabaleiro, este mércores no Concello de Pontevedra CONCELLO DE PONTEVEDRA

O Teatro Principal acollerá os dous vindeiros venres o ciclo Unha cuestión de perspectiva: as mulleres no audiovisual galego

08 ene 2026 . Actualizado a las 18:12 h.

O Concello de Pontevedra suma unha nova proposta á axenda cultural previa á gala de entrega dos Premios Feroz. Trátase do ciclo Unha cuestión de perspectiva: as mulleres no audiovisual galego, un programa coordinado pola xestora cultural Paula Cabaleiro que busca reflexionar sobre a igualdade e os dereitos culturais a través de proxeccións, encontros e accións artísticas.

As actividades desenvolveranse no Teatro Principal os venres 9 e 16 deste mes, e teñen o obxectivo de poñer en valor o cinema galego dende unha ollada feminista, analizando como mudan os relatos e a construción de personaxes cando a autoría é feminina. Todas as actividades do ciclo son de acceso libre.

O ciclo abrirase este venres ás 19.00 horas coa proxección do documental Prefiro condenarme (2024), dirixido por Margarita Ledo. A cinta narra a historia real de Sagrario Ribela Fra, unha mariscadora da ría de Ferrol xulgada por adulterio en 1972, abordando temas como a violencia, a atmosfera social opresiva da ditadura e o dereito a querer e ser querida. Trala proxección, celebrarase un coloquio conducido por Paula Cabaleiro que contará coa presenza da propia directora e dunha das actrices principais do filme, Mónica Camaño.

A programación continuará o venres 16 cunha xornada intensiva que reunirá a destacadas profesionais do sector, dende produtoras e directoras ata guionistas e responsables de festivais. A sesión comezará ás 11.15 horas coa conferencia inaugural A situación das mulleres no cinema galego, a cargo de Nati Juncal, produtora e delegada de CIMA en Galicia.

A continuación, desenvolveranse tres mesas de diálogo temáticas. Ás 12.00 horas, Producir cinema en Galicia con ollada feminista. Evolución dos últimos anos, dificultades do presente e retos por diante, moderada pola xornalista Ana G. Liste.

Ás 16.30 horas, Como nos conta o cinema galego? A perspectiva de xénero na dirección, no guión, na configuración das personaxes e na interpretación, ,mesa moderada pola xornalista e guionista Diana López Varela.

E ás 18.15 horas abordaranse Os circuítos do cinema galego. A perspectiva de xénero nos festivais, nas plataformas dixitais, na oferta en salas e noutros circuítos de proxección, divulgación e consumo nunha mesa moderada pola xestora cultural Elena G. Román.

O ciclo pecharase ás 19.45 horas coa montaxe Unha muller cunha cámara, protagonizada por Mercé de Rande e Juanma LoDo, que fusiona cinema e danza con manipulación de vídeo en tempo real para reflexionar sobre a autoimaxe e o rol da muller como suxeito activo que dirixe a mirada, fronte ao papel tradicional de obxecto pasivo.