A Polifónica de Pontevedra, premio Marcial del Adalid

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

A Academia de Belas Artes recoñece un século de traxectoria

14 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano do seu centenario, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra recibiu onte no Museo da cidade a medalla de ouro que leva o nome do compositor Marcial del Adalid. Un recoñecemento que o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana, entregou ao seu homólogo na Polifónica, Xosé Carlos Valle. Unha entidade que naceu en 1925 e ofreceu desde entón preto de 700 concertos, moitos deles fóra da comunidade.

As súas orixes están ligadas a personalidades como Losada Diéguez, Castelao, Antonio Blanco Porto ou Antonio Iglesias Vilarelle, os catro dando nome a rúas na cidade. Pero hoxe e desde novembro do 2013 é unha muller, Nanette Sánchez Ordaz, quen dirixe a agrupación. Foron algúns dos detalles que relatou Rosa Cedrón na súa sentida intervención trala lectura do acordo do premio. Ela recordou que Castelao presidiu a Polifónica entre 1929 e 1932 e que este recoñecemento lle chega nun Ano Castelao no que Correos editou un selo conmemorativo do centenario e recibiu o premio Otero Pedrayo. Puxo en valor a todas as persoas que deron vida á Coral, desde directores a cantores. Este premio, dixo, «non pecha un ciclo, senón que renova un compromiso. Mil primaveras máis para a música galega e para a Coral». Xosé Carlos Valle agradeceu as súas palabras. «Eu non o faría mellor. Ilustra moitos aspectos descoñecidos e non transmitidos con esa transcendencia», expuxo o presidente da Polifónica. Que afirmou que a Coral é produto dunha «etapa esencial da vida da cidade». Dous anos despois nacía o Museo de Pontevedra. Finalizado o acto, cantou a protagonista, a Polifónica.