Literatura, cine e historia conforman as propostas culturais para esta xornada de mércores de novembro en Pontevedra.
Cine
Hoxe • 19 horas • Teatro Principal • A realizadora Alauda Ruiz de Azúa presenta en Pontevedra a cinta con máis nominacións aos Premios Feroz 2026, Los domingos, e protagonice un coloquio posterior. Aspira a nove galardóns, os de mellor película dramática, dirección, guion, cartel, tráiler e para catro dos seus intérpretes: Patricia López Arnaiz, Blanca Soroa, Miguel Garcés e Nagore Aramburu.
Exposición
Hoxe • 19 horas • Fundación Moldes • Coincidindo co oitavo aniversario do pasamento do pintor Manuel Moldes e enmarcado na programación previa dos Premios Feroz e o festival Novos Cinemas, inaugurarase a mostra Bicos de cine. «Trátase dunha serie de 1991 na que Moldes representa, co seu estilo particular e característico, bicos clásicos da historia do cinema. Foi creada para as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga do Carballiño en 1991 e actualmente forma parte da colección da Filmoteca de Galicia», precisaron dende a fundación.
Faladoiro
Hoxe • 19 horas • Casa da Cultura de Portas • Faladoiro da terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que impulsa a Deputación de Pontevedra para rescatar as historias de mulleres que non adoitan ser contadas, que se centra na figura de Concepción Pérez Iglesias, quen foi a primeira alcaldesa de Galicia e simboliza o acceso das mulleres á política nunha época marcada pola ditadura de Primo de Rivera.
Literatura
Hoxe • 19.30 horas • Libraría Paz • O escritor Xavier Queipo (Compostela, 1957) presenta o seu libro 66 (Ed. Xerais) acompañado polo escritor Xesús Constela. Queipo celebra o seu 66 aniversario con unha compilación de outros tantos relatos breves, aos que engade un limiar esclarecedor. «Este libro conforma un crisol de historias que pasean polo gume entre a realidade e a ficción, con moitas referencias eruditas e tamén con lembranzas de vidas que xa sucederon ou que aínda poderán suceder», precisan dende Xerais.
Literatura
Hoxe • 18.30 horas • Cronopios • Luis Davila, O Bicheiro, presenta e asina exemplares da súa última escolma de viñetas co título Chegar e encher. Cada ano o popular ilustrador de Bueu edita un álbum coas tiras que publica diariamente.