Culturgal, do espectáculo de «Bibopalula» á música de Óscar Ibáñez

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

30 nov 2025 . Actualizado a las 09:32 h.

Ademais de ser a edición do Culturgal máis ambiciosa, a deste 2025 estase a destacar polo peso que lle adica á programación infantil. De feito, gañou protagonismo con numerosos espectáculos e actividades para pasar o día en familia no Pazo da Cultura de Pontevedra.

E este domingo será un dos pratos fortes desta programación coa posta en escena do espectáculo Bibopalula no Auditorio do Pazo da Cultura ás 12 horas. Será entón cando maiores e pequenos coñezan as aventuras de Robin, Carpin, Merli e Pegui, a coñecida como a Banda do Bosque, «un grupo de paxaros que fan música e se deron a coñecer cunha serie de gran éxito, agora convertida en produción escénica con cancións, coreografías e efectos especiais».

As entradas poden comprarse por 12 euros a través da web www.cultur.gal.

Outras das grandes citas desa xornada do domingo ven da man do espectáculo de danza Ceibe (13 horas), de Fran Sieira, mentres que, media hora máis tarde, o Recinto Feiral vibrará cunha nova edición do Vén e baila, con Artur Puga.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, proxectarase a película Romería e poderase departir coa actriz Marina Troncoso, así como previamente se poderá asistir á presentación da banda deseñada Castelao en Pontevedra (1916-1936) ou gozar cun concerto a cargo dos gañadores dos Premios Narf, Belém Tajes e Marian.

Todo un prolegómeno do que se vivirá ás 19 horas, momento no que distintas actrices e cantantes lerán fragmentos da obra de Begoña Caamaño, á quen se adica o Día das Letras Galegas 2026

Nesta ocasión o concerto de peche do Culturgal terá lugar no Teatro Principal, ás 20.30 horas, da man de Óscar Ibañez & Tribo, cita que tamén pon broche a súa xira.