A dignidade e a loita da señora Pepa contra o franquismo a fai eterna nas rúas de Pontevedra

Nieves D. Amil
nieves d. amil PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Elena Fernández

«Para nós segue sendo a avoa Pepa, que sacou adiante a once fillos», di a familia

01 jun 2025 . Actualizado a las 09:07 h.

Josefa Vázquez Juncal é a señora Pepa. A súa é unha vida desas que merece ser contada e sobre todo, merece ser recordada. É unha dos centos de mulleres represaliadas polo franquismo ás que o proxecto Do gris ao violeta, impulsado polo Concello de Pontevedra, non quere esquecer. Dende onte a súa vida queda para sempre nunha rúa, a que se abriu recentemente nos terreos da ONCE en Campolongo, que comunica con San Brais en Salcedo. Aqueles que pasen por alí, saberán que a cidade honra de por vida a Josefa Vázquez Juncal, a señora Pepa. Como veciña de Salcedo que era, foi a comunidade de montes desta localidade, a veciñanza e as asociacións culturais da contorna e as que traballan na recuperación da memoria histórica as que impulsaron que a señora Pepa tivese unha rúa na súa cidade, onde pelexou toda a vida polos seus ideais.

A vontade do Concello por feminizar as rúas queda claro con estas iniciativas. Onte, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na inauguración da rúa, na que tamén se descubriu un monólito que recolle a historia desta gran veciña de Salcedo. «Algunhas mulleres poñen o seu nome a rúas novas, como esta, e outras substitúen a nomes de xente que non merece estar no rueiro de Pontevedra», explicou o rexedor nun acto moi emocionante, que acabou co himno galego. Pero foi a súa familia, a que quixo agradecer a aposta do BNG e PSOE local, alí presentes, por darlle a súa «abuela Pepa» o lugar que merece.

«Como a todos os curmáns, fomos educados en ter en conta aos outros. Así que primeiro agradecemos aos que viñeron de lonxe para homenaxear a abuela Pepa, que é como nos a coñecíamos porque fomos educado en castelán. Para nós esta rúa seguirá sendo abuela Pepa», dixo emocionada Isabel Dios en nome de toda a familia. E animou ao alcalde a seguir con esta aposta de «feminización do rueiro». «Hai que darlle caña, alcalde. Con esta son 28 as rúas que se adican a mulleres fronte aos 238 nomes de persoas», recoñeceu.

A vida da señora Pepa, a avoa Pepa, como a recordan os seus netos, estivo marcada por a dignidade. Esa forma de entender a vida e afrontar os problemas fixo que permanecera viva non só na memoria da súa familia, senón tamén na de toda a comunidade. Era unha loitadora, desas mulleres capaces de sacar adiante once fillos nos tempos da fame, tal e como recordaron onte os que a coñeceron. «Coa axuda do seu marido e dos seus irmáns foi quen de criar once fillos e dando sustento e estudos a todos e todas. Polo seu compromiso co movemento agrarismo e o socialismo tivo que sobrevivir á barbarie, ao odio, a violencia extrema dos fascistas, ao inimaxinable trance do asasinato do seu fillo e ao trato degradante ao seu marido e as súas fillas», proseguiu. Ese exemplo de valentía que foi a señora Pepa quedou onte inmortalizado nos terreos da ONCE, onde a súa familia insistiu en que «pese a ser vítima de tanto odio, axudou a outras familias a saír adiante nos tempos da fame».

Pilar na familia

A escritora e periodista Montse Fajardo recolleu na súa biografía publicada en Do gris ao violeta que a señora Pepa naceu en Salcedo en 1889 e converteuse no piar fundamental dunha das familias máis represaliadas de Pontevedra tras o golpe de 1936. Casou con Antonio Díos e sacou adiante aos once fillos, pero foi o maior deles, Milucho, quen sería asasinado en 1936 por ser o secretario de axitación e propaganda so Socorro Rojo e vicepresidente do Partido Socialista. Foi esta dobre condición a que o levou a ser detido, torturado e asasinado o 6 de abril de 1936.

A súa morte foi unha das perdas que a señora Pepa nunca chegou a superar. Dende ese terrible 6 de abril ata a o seu falecemento en 1975, sempre vestiu de negro. Pero esa tristura que lucía na súa vestimenta, non lle fixo encoller a alma a hora de traballar no que sempre creu e ser unha veciña tan querida, que fixo que a rúa co seu nome parta da petición de Salcedo, aos que lle deixou bordada a bandeira da Sociedade de agricultores seguindo un deseño simbólico de Castelao. Estivo agochada durante 64 anos ata que se lle entregou ao Concello de Pontevedra aínda no ano 2000. Agora está no arquivo municipal.