O BNG de Lores saca peito na metade do mandato: «Nova enerxía, máis futuro»

PONTEVEDRA CIUDAD

«Igual non chegan outros 10 anos para facer todo o que quero facer»
23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ven sendo unha frase xa moitas veces escoitada da súa boca, pero Miguel Anxo Fernández Lores repetiuna este xoves no acto có que o BNG celebrou a metade do mandato municipal: «Estou nun dos mellores momentos da miña vida política». Tanto é así que diante de simpatizantes e militantes reiterou a súa intención de presentarse de novo para un novo mandato e advertiu de que tal vez non parará aí: «Igual non chegan outros dez anos na alcaldía para facer todo o que quero facer por Pontevedra».
Lores estivo acompañado no acto pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; a tenente de alcalde Eva Vilaverde; e a responsable local do Bloque, Sabela Bará.

Baixo o lema Nova enerxía, máis futuro, o acto serviu para analizar o traballo feito ata agora polo goberno municipal e para anunciar novas actuacións. Lores fixou o foco en actuacións coma o parque da Parda, o remate da Santiña, a renaturalización do Gafos, a nova xestión dos residuos, o pavillón de Monte Porreiro, as actividades culturais, os Feroz 2026...
Botando a vista adiante, o líder local do BNG asegurou que nos vindeiros anos o goberno local seguirá traballando para adiantarse a novos retos propoñendo novas solucións de vangarda. «Na xestión pública o único importante é o presente, e o futuro, cara onde imos e o que se vai facer. Documentación e coñecemento hai dabondo para poder tomar as decisións acertadas e adiantarse ao futuro», subliñou.
Outra desas referencias inevitables de Fernández Lores en todo canto acto protagoniza é o modelo de cidade, que segue a reportar recoñecementos e premios a Pontevedra: «Logramos transformar a cidade entre todos, logramos que sexa unha referencia mundial ollada con admiración. Quen podía pensar que a nosa Pontevedriña ía ter esta proxección internacional? Pois os que sabiamos do seu potencial, os que estamos namorados dela. Pontevedra non ten límites, estou convencido».

Por último, o nacionalista aproveitou o acto celebrado na Sala Zennet para deixar algún recado ao PSOE e PP municipais por tentar boicotear a acción de goberno «por activa e por pasiva» a principios de mandato, unha situación «que requiriu dun grande esforzo para poder volver á normalidade».
Críticas á Deputación
E tamén á Deputación, neste mandato gobernada polo PP. Lores salientou que «houbo un retroceso bastante forte» nas relacións e nos investimentos destinados a Pontevedra, criticou a parálise dos proxectos dos edificios centrais do Museo e de Santa Clara; e lamentou a negativa do organismo provincial a colaborar na celebración dos mundiais de triatlón que acollerá Pontevedra no mes de xuño.
Ana Pontón: «Estou moi orgullosa do modelo Pontevedra, que é o modelo de calidade do BNG»
Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o feito de que os nacionalistas leven 26 anos de goberno ininterrompido en Pontevedra non é motivo de desgaste, xa que destacou a capacidade do grupo de goberno de actualizarse, de reinventarse, de mirar ao futuro e adiantarse ao que vai vir con novas medidas e políticas pioneiras. «Cando creo que xa sei por onde van, sempre me sorprenden con novas ideas, con novos proxectos».

Por iso, e aínda que a última palabra será da militancia, non deixou lugar a dúbidas sobre que a formación nacionalista aceptará a Lores como aspirante a un octavo mandato en Pontevedra: asegurou que ve ao rexedor «cunha enerxía e unha frescura que semella que é a primeira vez que accede á alcaldía».
Pontón quixo deixar patente que o feito e o que aínda está por facerse en Pontevedra é unha referencia para o Bloque. «Estou moi orgullosa do modelo Pontevedra que, para min, é o modelo de calidade do BNG», proclamou, ao tempo que puxo o foco no que considera os puntos fortes do goberno nacionalista na cidade, que sintetizou en «razón e corazón, intelixencia e ilusión, coñecemento e paixón».
A portavoz nacional tamén falou das relacións do Concello de Pontevedra coa Xunta para criticar o «boicot de anos dos gobernos do PP á cidade, mostrando un sectarismo político inadmisible». Non obstante, admitiu que parece que nos últimos tempos «hai un cambio de actitude acertado, porque o goberno de Rueda só acerta cando rectifica».