A Facultade de Comunicación de Pontevedra recibe o distintivo de galeguización Gal Ego

PONTEVEDRA CIUDAD

A Universidade de Vigo celebrou neste centro do campus o acto polo Día das Letras Galegas
16 may 2025 . Actualizado a las 10:36 h.A Universidade de Vigo celebrou este xoves no campus de Pontevedra o acto institucional do Día das Letras Galegas. A institución académica reafirmou o seu compromiso con «recuperar o galego» e destacou o labor da Facultade de Comunicación e a súa implicación co idioma. Por iso foi recoñecida co distintivo de galeguización Gal Ego. A comisión evaliadora tivo en conta unha serie de criterios como o número de materias impartidas neste idioma, o número de traballos fin de grao e mestrado feitos en galego, a realización de actividades nesta lingua ou o seu uso na comunicación externa. ¿Que conleva o distintivo Gal Ego? Ten unha vixencia de catro anos e unha axuda económica de 3.000 euros para poñer en marcha iniciativas a prol da lingua. Algo que salientou a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres: «Temos un claro compromiso coa lingua e a cultura galega nunha facultade na que estamos formando creadores de contidos».
O reitor, Manuel Reigosa, destacou o papel que xoga a Universidade na defensa da lingua. Falou dun «faro que permita incrementar o uso do galego porque non creo que haxa ningunha sociedade no mundo que renuncie a súa identidade». Expuxo que o galego é, xunto á internacionalización e á igualdade, un dos piares da UVigo recollidos no seu plan estratéxico. Por iso, o rector sinalou o «forte compromiso» da institución para que «na Universidade se fale continuamente en galego». Nese senso, Reigosa defendeu que, a pesar de que «estamos moi lonxe» a día de hoxe, «imos ser quen de recuperar o galego».
Máis alá dos discursos, no acto das Letras Galegas entregáronse os premios de poesía, relato curto e tradución 2025. O de poesía foi para Elena Pazos; o de relato curto, para Alba Guzmán, e o tradución para Sonia Cimadevila. Tamén se quixo poñer en valor o papel das cantareiras na preservación do patrimonio oral, a través da conversa entre o músico e compositor Xabier Díaz e a creadora de contido e egresada da facultade Nuria Grandío. Non faltou a música no acto, con actuacións do grupo de pandeireteiras As Sarandilleiras e do Grupo de Música Tradicional do campus.