Marta Doviro, actriz: «Aínda estamos como un pouco encallados niso de valorar máis o traballo dos homes»

PONTEVEDRA CIUDAD

A intérprete, que rematou a rodaxe de «O home perfecto», comparte escenario con Ledicia Sola e Carmen Méndez
07 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O xerme de As Rhumorosas, o espectáculo protagonizado por Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro que chega este xoves ao Teatro Principal de Pontevedra (21 h.), atópase nunha noticia de prensa: «Creo que hai dous anos e pico, que foi máis ou menos cando empezamos nós a argallar esta historia, vimos na prensa que o Concello de Tui lanzara unha convocatoria, unha proposta aos seus veciños e veciñas para que mandaran nomes de mulleres para darlle nome ás rúas da vila porque apenas tiñan nomes de muller nas rúas da vila. Chamounos moitísimo a atención. Pareceunos un pouco surrealistas como que necesitasen a axuda de toda a vila para atopar nomes de mulleres ilustres. Ese feito é o fío condutor do noso espectáculo», sinala Doviro.

—E como trasladan esa idea ao escenario?
—Pois nós, As Rhumorosas, imos buscar esas mulleres ilustres galegas e ímoslles facer diferentes probas para que elas se poidan presentar a esta convocatoria.
—Chegades a un concello, como o de Pontevedra, que está impulsando, por así dicilo, unha feminización do seu rueiro.
—Nos sabía. Pois mira, convido á xente do Concello a vernos porque igual xa levan unhas cantas ideas. Van pasar bastantes candidatas polo espectáculo. Aí quedan algunhas propostas.

—A que cre que pode ser debido a que, en pleno século XXI, sexa tan complicado pórlle un nome de muller a unha rúa.
—Eu penso que é un pouco herdanza histórica, que aínda estamos como un pouco encallados niso de valorar máis o traballo dos homes e esquecernos darlle valor ao labor de moitas mulleres que estiveron aí. Sempre é moi fácil recorrer aos nomes típicos, Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, que son así como moi emblemáticas, si que delas hai un montón de rúas, prazas... pero hai moitas máis ao longo da historia, tanto nomes actuais como nomes de centos de anos. Nós facemos como un repaso. Cando estivemos elaborando o guión atopámonos cun montón de nomes superinteresantes e historias de mulleres galegas que non sabíamos. Dixemos: «Hai que poñer enriba da mesa a estas mulleres». Mais só puidemos escoller algunhas porque senón estaríamos cunha obra de moitísimas horas. Non sei se teremos que facer unha segunda parte para darlle cabida a todas as mulleres interesantes que atopamos.

—No seu caso concreto, cal foi a historia que máis lle sorprendeu?
—Hai unha historia que nos gustou especialmente un pouco ás tres, que é a lenda de Pepa A Loba. Como lenda ten ese misterio de saber se foi certa a súa existencia ou non. É moi atractiva para o noso imaxinario e, incluso, para especificar nun espectáculo.
—E todo isto tamizado polo humor.
—Si, As Rhumorosas é un show de humor escrito por nós as tres, por Ledicia Sola, Carmen Méndez e eu mesma, no que damos a coñecer as vidas e a labor de mulleres ilustres galegas pero dun xeito desenfadado e divertido. Ímolas achegar ata situacións como máis actuais. Podemos ver a Emilia Pardo Bazán facendo unha entrevista no SEPE, ou veremos a Rosalía de Castro facendo un cásting para un talent show, ou, incluso, representaremos un programa de cotilleos ao máis puro estilo Sálvame onde falaremos das vidas persoais das mulleres ilustres galegas.
—Esta situación que se da nos rueiros das nosas vilas reflictese noutros ámbitos?
—Si, penso que si. Temos que facer como un esforzo extra para que se nos teña en conta, sobre todo, en certos ámbitos que están máis asociados a homes. Agora están empurrando moito as mulleres directoras, que digamos que saían sempre máis nomes masculinos, ou mulleres guionistas... Son ámbitos que moitas veces están máis asociados a homes, pero tamén, ás veces, pasa ao revés. Penso no mundo da maquillaxe. Pero creo que aí temos máis traba nós porque historicamente hai profesións nas que, como predominaron máis os homes, había que facerse máis oco.

—Ao marxe de «As Rhumorosas», que outros proxectos ten en axenda?
—Acabo agora mesmo de gravar unha serie de ficción para a Televisión de Galicia e producida por Voz Audiovisual, que se chama O home perfecto. Acabámola de gravar aí apenas un mes e está pendente de entrega. E dentro de nada, no mes de xuño, empezo a gravar un programa de televisión como presentadora, que xa é a segunda temporada, que se chama Conectados en familia. É un programa que aborda as problemáticas que teñen os adolescentes galegos co tema dixital, coas novas tecnoloxías, as redes sociais... todos estes perigos asociados ao uso destas innovacións abordámolos neste programa. E enriba dos escenarios sigo co As Rhumorosas e co meu monólogo Memorias dunha rapasa da costa. Pois rulando un pouco por riba dos escenarios e diante da cámara.