Contigo ata as lameiras, Rodrigo Cuevas

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Rodrigo Cuevas, pandereta en man, e con traxe de coiro en Pontevedra.
Rodrigo Cuevas, pandereta en man, e con traxe de coiro en Pontevedra. Ramón Leiro

Ir ver ao artista asturiano, que tocou en Pontevedra, é unha experiencia de axitación. Bailar si, pero tamén ouvear e descubrir que unha muiñeira escandalosa era o que nos gustaba sen sabelo

14 abr 2025 . Actualizado a las 20:45 h.

Árdelle o eixo, árdelle o carro. Nesas seis palabras, berro de guerra nas romarías, podería resumirse o que pasou este sábado no recinto feiral de Pontevedra, onde houbo foliada en maiúsculas. En teoría, era o concerto de Rodrigo Cuevas, o asturiano que de lonxe parece Freddie Mercury e que converte as muiñeiras nun escándalo continuo. Pero quen coñece ao artista sabe que o seu non é dar recitais senón promover experiencias de axitación colectiva. Entras metido na rutina, fauna de cidade e dos novos tempos, e saes convencido de que ti es de aldea e que precisas un chisqueiro para prenderlle lume ao que non funciona no mundo. Que é bastante, por certo. 

A cousa empezou cedo, que os que teñen cartos para pagar concertos xa non están en idade de trasnoitar. Ás sete da tarde xa había rebumbio no recinto feiral. A Duendeneta, con Carlos e Cristina como mestros, estaba na súa salsa pinchando música galega. Ninguén mellor ca eles para descubrinos os novos talentos da escena galega mentres meten polo medio a Andrés Dobarro ou outros clásicos. Tamén saíron ao escenario os artistas de Alana, cun meritorio repertorio que subiu a temperatura nun recinto xa de por sí abafante de calor. 

Sobre as 21.30 apareceu Rodrigo. Máis ben, houbo que buscalo. Porque antes de saltar ao escenario andou a chimpos polo recinto, colándose entre quen estaba na parte superior case en coiros pero, valla a redundancia, medio tapado por un traxe de coiro negro feito a súa imaxe e semellanza. E empezou a experiencia de axitación. Foron caendo as súas cancións. Letras en galego, castelán, asturiano... folclore e reivindicación. Ouveos e aturuxos. Baile, moito baile con brazos altos de muiñeira e xota. E irreverencia, ante todo. «El mar es una horterada. Tienen la costa estropiada y hay que deseucaliptizar», cantaba el. E a xente respondía con gorxas de guerra: «Altri non», repetíase. 

Chegou a súa broma xa mítica dos concertos. A da voda; na que promete que se alguén casa pola igrexa el aparece alí e liga co sacerdote para acabar coa cerimonia. Os concertos de Cuevas contan tanto del como do público, das miles de persoas que vestidas con saias de traxe galego, enaguas ou camisetas reivindicativas e surrealistas (premio para unha muller que levaba unha que dicía "Arturo, aquí non sabemos se reverte ou remirarte") non deixan de bailar e cantar. Esa Galicia que está aí, coas pandeiretas en ristre e as coplas tuneadas das avoas, e que non quere reguetón nin can que lle ladre. Que o que lles presta é aturuxar. 

Miles de persoas acudiron ao concerto no recinto feiral de Pontevedra.
Miles de persoas acudiron ao concerto no recinto feiral de Pontevedra. Ramón Leiro

Con Cuevas todo é máis palleiro aínda que apareza con traxe de brillantes. Convence coa súa gorxa privilexiada, coa súa irreverente posta en escena, co seu andar polas marxes da vida e botándolle retranca á cousa. «¿Que vou ter eu contra os hetero, se ata teño algún amigo que o é?», preguntaba sacando sorrisos. Reivindicou as lameiras. E contigo ata as lameiras, Rodrigo, parecía responder un público no que había xente de todas as idades posibles. 

E rematou o concerto co artista Ortiga no escenario. Hei, carballeira! Porque aínda quedaba moita festa. Máis alá de Cuevas, aínda tiña que converterse o recinto feiral nunha foliada de sempre con centos de persoas bailando A Rumboia. Parecía unha romaría das nosas. Pero non o era. Rodrigo débenos unha. ¿Onde estaba o polbo e o churrasco, Rodrigo? ¿Que pasou coas empanadas e viño de Barrantes que mancha o bigote? Non hai corpo que aguante cen muiñeiras ceando nachos con guacamole a dez euros por ración. Ata aí podiamos chegar, Rodrigo.