Roberto Vilar, cómico: «Pensar é o peor que podo facer»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

O humorista chega a Pontevedra co seu show «Continueixon»

28 mar 2025 . Actualizado a las 20:36 h.

Tras Celebreixon, Roberto Vilar chega este sábado (21 h.) ao auditorio de Afundación de Pontevedra con se novo espectáculo, Continueixon —as entradas pódense adquirir en Ataquilla.com—. «Este ano quero facer algo un pouco ambicioso, como levar unha pequena parte de Land Rober ou facer un pequeno show como a da televisión no teatro. Hai monólogo, pero hai máis sketchs, máis interacción con o público, hai xogos... É como un show televisivo, como o de Land Rober, pero adaptado ao teatro», sinala.

—Imaxino que a linguaxe televisiva é diferente ao do teatro.

—No teatro é todo máis íntimo, é todo máis cércano. Ao principio non, porque estás moi nervioso. Realmente poste moito máis nervioso no teatro que na tele, pero segundo van pasando os minutos vaste sentindo como na casa, hai unha familiaridade co público, unha complicidade, e a linguaxe tornase como máis cariñosa. E a partir de aí, para min polo menos, dentro do cariño, dentro da emoción, resulta máis fácil, incluso, facer a comedia no teatro.

—E ten algunha receita para combater ese nerviosismo?

—Si, si que a teño. Teño un remedio para iso. En Land Rober, un ponse moi nervioso antes de empezar, cinco minutos antes, pero eu teño un truco, unha receita que é que cada vez que vai empezar Land Rober ou cada vez que vai empezar un show de teatro, repítome a min mesmo a seguinte frase: «Roberto, acórdate, pensa, que un día non terás isto». Iso xa me fai gozar completamente, esquecerme do nerviosismo. É darlle valor a que isto vai suceder e que un día non o vas ter. Entón, desfrutao agora que o tes, porque haberá un día, como todo, que non o terás. Cambio nervios por gozar.

—E segue a gozar como nos primeiros días?

—Máis, máis. Máis porque un coa idade, a idade é unha desgraza absoluta... Moi poucas cousas hai peor que a idade, unha ou dúas como máximo. Pero coa idade valoras, saboreas todo moito máis, dáslle máis valor, sabes desfrutalo, sabes ter máis pausa. E eu desfruto moitísimo máis agora ou, cando menos, son máis consciente agora. E ao ser máis consciente, entendo que o gozo máis.

—Falando de humor, o de si ten ou non límites é un debate recorrente. Ten límites?

—Non. E o digo como consumidor, como receptor do humor. A min non hai nada que me pareza mal, pero como receptor. Facéndoo é como todo na vida. Dicía un amigo meu, cabrearse é fácil, pero cabrearse ca persoa adecuada, no momento adecuado, no ton adecuado e coas palabras adecuadas, iso é máis difícil. Creo que un pouco a cousa vai por aí. Pódese facer humor con todo, pero hai que ver onde, con quen, en que momento e con que coidado. Como receptor, nunca me parece mal o humor porque eu entendo que o humor o único que busca é a risa. Se, en vez da risa, o que buscas e foderme ou rir de min, aí me pode parecer mal. Pero a risa é a gran medicina. O outro día unha señora maior, de 93 anos, falando disto díxome: «Roberto, a vida é saúde, diñeiro e humor». E o a amor? «O amor dáme igual». Marabilloso.

—E, ao marxe de «Continueixon» e do programa «Land Rober», ten outros proxectos?

—Teño varios, pero o meu proxecto é seguir facendo cousas. Xa me din conta hai uns anos que o peor que podo facer é pensar. Pensar é o peor que podo facer. Teño que evitar pensar e para evitar pensar, que teño que facer? Cousas. Por exemplo, facer unha xira de teatro. Por exemplo, facer un tractor de leña. Facer algo. Teño a idea de seguir desfrutando, descubrindo. Despois de tantos anos que levo nisto noto tanto cariño da xente que é como unha droga. Estar coa xente que che ten cariño, que ven a verte, como van vir a Pontevedra este sábado, que pagan unha entrada para verte... É unha pasada que alguén saia da súa casa e decida gastar os seus cartos e, o que é máis importante, o seu tempo para ir a verte a ti, a un chaval que naceu nunha aldea de catro casas. Como comprenderás, é moi emocionante, unha auténtica droga, unha auténtica medicina.