A segunda edición de +Música programa un total de 78 concertos en 59 concellos de Pontevedra

PONTEVEDRA CIUDAD

Luis López, presidente da Deputación, detaca a aposta pola descentralización da cultura: «Queremos programar eventos da maior calidade fóra do ámbito de influencia das grandes cidades»
27 mar 2025 . Actualizado a las 17:41 h.Coa interpretación de Anduriña, o clásico de Juan Pardo, a cargo do dúo Antonio Barros e iAlma, un dos 224 grupos que forman parte do catálogo musical do +Música, arrancou este mércores a presentación da segunda edición deste programa cultural da Deputación de Pontevedra. Neste 2025 está previsto desenvolver 78 actuacións de músicos galegos nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. «Cando falamos de municipalismo e achegar os mellores servizos á veciñanza sempre se nos vai á cabeza aos grandes proxectos construtivos como estradas máis modernas, un novo pavillón ou rúas humanizadas. Pero proporcionar grandes servizos á poboación tamén vai na cultura. Para nós a cultura é clave, igual que achegala a toda a veciñanza, viva onde viva», destacou o presidente provincial.

Luis López destacou as novidades desta segunda edición de +Música, que medra en cen mil euros na súa dotación económica ata situarse nos 700.000 euros. «Subimos a achega en case un 40 % en menos de vinte meses», sinalou, ao tempo que precisou que este ano os concellos poderán solicitar dúas actuacións sempre que o caché dos artistas non superen o máximo de 15.000 euros.
De feito, a vindeira semana comunicarase aos concellos beneficiarios as actuacións concedidas, nas que se respectará as preferencias do grupo e data elixida polos gobernos locais.

Pola súa banda, Jorge Cubela, deputado de Cultura, incidiu na crenza «na profesionalización da cultura e da música, as institucións deben apostar para que a cultura sexa un instrumento vertebrador do territorio», mentres que Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, remarcou a importancia do +Música para «posicionar á provincia como un destino cultural de referencia». Neste eido, a alcaldesa de Salvaterra do Miño, Marta Valcárcel, destacou a descentralización dun programa que favorece «o dereito dos veciños para acceder a unha cultura de calidade vivan onde vivan».
Precisamente, a esta filosofía descentralizadora aludiu Luis López: «Queremos programar eventos da maior calidade fóra do ámbito de influencia das grandes cidades. Así o facemos cando por primeira vez na historia levamos a gala dos Premios Mestre Mateo a Lalín, creamos o primeiro circuíto de danza e teatro: o +Escénicas ou recuperamos despois de quince anos de ausencia a Bienal de Arte de Pontevedra, que non se limitará só á cidade de Pontevedra senón que se espallará por toda a provincia».