A Real Academia de Belas Artes concede a súa Medalla de Ouro á Coral Polifónica de Pontevedra no seu centenario

PONTEVEDRA CIUDAD

Trátase da «primeira distinción de ámbito especificamente galego recibida pola entidade en toda a súa historia»
26 mar 2025 . Actualizado a las 09:52 h.A Real Academia Galega de Belas Artes confirmou a concesión da Medalla de Ouro Marcial del Adalid á Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, distinción que, segundo considera esta entidade, «a mesma resulta absolutamente xustificada pola traxectoria acreditada dun século de actividade artística do máis alto nivel».
Tras comunicarlle esta distinción, Carlos Valle, presidente da Sociedade Coral Polifónica, agradeceu á Real Academia Galega de Belas Artes a concesión «pois, ao seu valor intrínseco, engade o de ser a primeira distinción de ámbito especificamente galego recibida pola entidade en toda a súa historia, resultando moi significativo tamén que proceda dunha institución de renome no ámbito da cultura galega en xeral e no das Belas Artes en particular». Ao tempo, e segundo destacan desde a Coral Polifónica, resalta «o feito de que este recoñecemento se materialice en 2025, ano no que esta Coral conmemora o centenario da súa fundación».
No marco desta conmemoración, o Museo de Pontevedra acolle a exposición Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, cen anos de música coral en Galicia, mentres que o 9 de abril esta entidade ofrecerá unha actuación na igrexa de San Francisco celebrando o primeiro concerto ofrecido hai un século.