Cynhia Menédez, escritora: «Tiña moitísimo interese nesa postal de Vigo de clase obreira»

PONTEVEDRA CIUDAD

ADRIÁN BAÚLDE

A pontevedresa presenta a súa opera prima, «Son coma glaciares os barcos de aceiro», na libraría Paz

15 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Resalta que comezou a escribir Son coma glaciares os barcos de aceiro, a súa opera prima, «hai tres anos e xurdiu dunha pulsión poética. Estaba acostumada a traballar a poesía e a miña intención era construír un poema obreiro, darlle unha voz lírica á literatura obreira que está moi denostada ou non está, digamos, no centro da atención. Quería facer ese híbrido e darlle un trazo fermoso, facer algo bonito da literatura obreira», remarca Cynthia Menéndez, que presentará o seu primeiro libro este sábado na libraría Paz (12.30 h.) de Pontevedra.

—Que poderemos atopar nas súas páxinas?

—Un retrato de Vigo, do Vigo obreiro dos 90. Un retrato desa paisaxe que xa non está e tamén un xeito de reivindicar ese Vigo que non se parece tanto ao que queren amosar hoxe ou no que o queren transformar hoxe. E, ademais diso, un retrato da literatura obreira, dos obreiros, dos oficios. Penso que, hoxe en día, o foco está todo na autoficción e os libros parécense moito, aínda que a min gústanme, porque os lugares comúns son moi agradables, pero non se fai literatura do traballo en España, en Galicia e gustábame moito recuperalo.

—E tamén é un exercicio de memoria. Hai unha certa desmemoria co pasado recente dunha cidade que, como Vigo, era industrial vinculada co naval?

—Totalmente. As únicas achegas que hai ou o xeito que ten a xente máis nova ou xeracións como a miña de achegarse a isto é a través duns textos que son históricos, son densos e está un pouco como añejo. Quería facer unha achega máis moderna. Eu non vivín estas cousas porque son un pouco máis nova, pero tiña moitísimo interese nesa postal de Vigo de clase obreira. Ás veces pensamos que o ensaio é o xénero que máis información nos pode dar, pero a narrativa é un artefacto poderosísimo para conectar coa xente e introducir a historia, os pensamentos, a filosofía...

—A intención inicial era facer un poema, pero estamos a falar dun texto narrativo?

—Non tanto un poema, senón a voz poética nunha voz narrativa, e nin sequera. Gústame pensar nese híbrido que hai entre a poesía e a narrativa, e ser quen de contar unha historia coas ferramentas da poesía.

ADRIÁN BAÚLDE

—É algo que se percebe xa no título, totalmente poético.

—O libro fala sobre a derrota, fala sobre a loita. Quería facer coma unha imaxe. O libro ten moitísimas imaxes, que é unha cousa que me gusta moitísimo traballar... As postais, as cores... Quería combinar esa idea dos estaleiros, do traballo, do aceiro, do oficio co glaciar como un ente contra o que non podes loitar, pero inda así loitas.

—Fala das cores. Tendemos a asociar unha cidade industrial co gris, pero é falso, non si?

—Si. Eu escollín o azul para tinguir absolutamente todo o libro representando os monos de traballo, pero tamén porque Vigo é unha cidade moi azul. Durante todo o proceso de escrita lin moitísimos libros sobre teoría do traballo, historia do traballo, literatura obreira italiana ou inglesa, e despois lin moito a teoría da cor, a historia do azul, azul obreiro, azul inglés... Penso en Vigo, non gris que é simplemente a tonalidade de fábrica, senón azul que é movemento. Vigo é unha cidade marítima e o tema do océano está reflectido grazas ao naval. Entón, azul moito moi máis que gris.

—E despois de «Son coma glaciares os barcos de aceiro»?

—Estou escribindo outro libro. Este comezou hai tres anos e remateino hai practicamente un ano, vai facer agora un ano, e despois foi o proceso de edición e de publicación. Xa comecei outro que levo tempo escribindo que é de literatura de viaxes. O ano pasado fixen unha viaxe en veleiro e crucei o Atlántico e, a través dese relato, incorporo tamén outros lugares aos que viaxei. E outra vez facer un pouco un híbrido entre, esta vez, narrativa de viaxes e poesía.