Proxeccións do Cineclube de Pontevedra

PONTEVEDRA CIUDAD

CINECLUBE PONTEVEDRA

02 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Este luns, a partir das 20.30 horas, o Cineclube de Pontevedra retoma as sesións en colaboración coa Filmoteca de Galicia con dous títulos esenciais de Yasujiro Ozu, que foron rodados en cor na década dos cincuenta e que se proxectarán este 3 de febreiro e o 17. Estas sesións complementaranse coas dos martes, que apostan por ofrecer títulos de actualidade, entre os que destaca o Oscar á mellor longametraxe de animación do 2023, O rapaz e a garza, do mestre xaponés Hayao Miyazaki.

Deste xeito, a programación deste mes de febreiro arrancará con Flores de equinoccio para continuar, ao día seguinte, con O rapaz e a garza. Xa o 11 tocaralle a Daaaaaalí!, a surrealista homenaxe do francés Quentin Dupieux a Salvador Dalí, mentres que, o 17, será a quenda de A herba errante.

CINECLUBE PONTEVEDRA

Na recta final do mes, proxectarase Non esperes demasiado da fin do mundo, «o radicalísimo último traballo do romanés Radu Jude» que logrou o premio especial do xurado en Locarno 2023, mentres que a derradeira sesión de febreiro está adicada a gañadora do Oso de Prata en Berlín e mellor filme en Sitges 2024, a austríaca O baño do diabo, de Severin Fiala & Veronika Franz.

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo financiamento depende fundamentalmente das achegas dos seus socios cun coste de 70 euros anuais, de 25 euros ao trimestre ou de 3 euros por pase.