
Fernandez Lores fai un chamamento «ás entidades sociais para que participen na difusión e popularización da súa obra»
08 ene 2025 . Actualizado a las 16:08 h.«Neste sete de xaneiro do ano 2025 que estamos a principiar cúmprese o 75 cabodano do noso veciño Afonso Daniel Rodríguez Castelao, cuxo pasamento tivo lugar no exilio, na cidade de Bos Aires. Castelao escolleu ser pontevedrés e nesta nosa vila ensinou, foi pai, teceu amizades e traballou con todas as súas forzas por Galiza. Dende a súa casa da rúa da Oliva até as aulas do actual instituto Valle-Inclán, dende o Café Moderno até o local do Partido Galeguista na Praza do Teucro, do Museo na Praza da Leña á Casa da Luz na da Verdura, do piñeiral de Matalobos ao cruceiro de Estribela, dos xardíns de Casto Sampedro a César Boente, toda Pontevedra sinte a pegada de Castelao». Así arranca o bando que este martes asinou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), para facer pública a adhesión do Concello á conmemoración do 75 aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a través da declaración do ano 2025 como Ano Castelao. O bando fai tamén un «chamamento ás entidades sociais para que participen na difusión e popularización da súa obra», e anúnciase que ao longo deste ano o concello desenvolverá unha programación específica cos mesmos obxectivos.
«En Pontevedra sabemos que Castelao vive —continúa o bando— porque sen el a nosa cidade sería hoxe irrecoñecible: estivo na fundación do Museo de Pontevedra, que quería Museo Nacional de Galiza, e na da Coral Polifónica, documentou cruceiros, contribuíu á levar a fonte da Ferraría aos xardíns de Casto Sampedro, á volta da Bretaña comezou a tradición da borriquiña do Día de Ramos e sen os seus debuxos non se tería restaurado».
Ademais de facer público o bando, o alcalde participou onte nun acto no Teatro Principal co que o BNG deu inicio á súa celebración do Ano Castelao. Nel, a voceira nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG levará unha iniciativa ao Parlamento «para que se recoñeza de maneira oficial e legal a Castelao como primeiro presidente de Galicia», por ser quen deseñou e creou no exilio o Consello Nacional de Galicia.