O BNG vindica desde Pontevedra a Castelao como o primeiro presidente de Galicia 

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

<span lang= gl >Pontevedra foi o escenario da homenaxe do BNG á figura de Castelao</span>
Pontevedra foi o escenario da homenaxe do BNG á figura de Castelao S.B.

Ana Pontón anuncia una iniciativa parlamentaria para que tal recoñecemento sexa «legal e oficial» e que o seu legado «se estude nos centros de ensino» 

07 ene 2025 . Actualizado a las 19:00 h.

O BNG deu inicio a este Ano Castelao vindicando desde Pontevedra, cidade fondamente ligada ao rianxeiro, o seu papel coma «primeiro presidente de Galicia». Deste xeito, a voceira nacional, Ana Pontón , anunciou que levará unha iniciativa ao Parlamento «para que se recoñeza de maneira oficial e legal a Castelao como primeiro presidente de Galicia», por ser quen deseñou e creou no exilio o Consello Nacional de Galicia, «que oito décadas despois preséntasenos como unha aposta ambiciosa e admirable». Trátase de rescatar, subliñou, «a nosa memoria democrática, facer xustiza e recoñecer que o primeiro presidente deste país por dereito propio foi Alfonso Daniel Rodríguez Castelao desde o exilio».

Nun acto ao que asistiron cargos electos do BNG, Pontón demandou que ese papel de Castelao coma primeiro presidente galego «sexa estudado nos centros de ensino deste país porque as novas xeracións de galegos e galegas teñen que coñecer a súa inmensa labor».

Cunha declaración institucional lida no Teatro Principal de Pontevedra —«onde Castelao deu ducias de mítines»— o BNG deu inicio a «unha multitude de iniciativas que responderán ao lema Castelao nacionalista galego, para deixar clara a verdadeira dimensión dunha figura imprescindible da nosa historia, un referente de honestidade e confianza no noso país e un defensor dos nosos dereito como pobo». «Porque Galicia —insistiu Pontón— ten aínda hoxe unha débeda de recoñecemento con Castelao».

E sobre a data que se conmemora este 7 de xaneiro, o pasamento de Castelao en Bos Aires no ano 1950 e as ordes ditadas pola dirección xeral de prensa do franquismo para limitar as notas nos xornais a unha columna nas que se mencionase únicamennte a súa condición «de humorista, literato e caricaturista», Pontón fixo súas as palabras de Virxinia Pereira, compañeira de vida de Castelao: «Todo o que el facía, desde a súa obra artística e literaria ata as súas investigacións son esencialmente política, e son sen lugar a dúbida o legado extraordinario dun nacionalista que quería trocar os ancellos en realidades e as ideas en feitos».