O Museo de Pontevedra inicia o Ano Castelao cunha visita guiada, unha proxección cinematográfica e o concerto de María do Ceo

PONTEVEDRA CIUDAD

A visita repetirase, ao longo de todo o 2025, o primeiro martes de cada mes
06 ene 2025 . Actualizado a las 16:38 h.Con ocasión da conmemoración do 75 aniversario do seu pasamento, o Museo de Pontevedra comeza este martes celebracións do Ano Castelao cunha visita guiada especial ás salas adicadas ao rianxeiro (18 horas) e unha sesión de música e cine coa actuación de María do Ceo e a proxección de Castelao: de chumbo a verba, dirixida por Miguel López con Miguel Pernas, Uxía Blanco e Iago Novo (19.30 h.).
A visita guiada percorrerá as dúas salas nas que se exhibe unha parte das máis de 1.800 obras que conserva o Museo e nas que «está moi presente a súa faceta de artista, pero tamén as de escritor e político galeguista, imposibles de desligar daquela». Esta actividade repetirase, ao longo de todo o 2025, o primeiro martes de cada mes sendo necesaria a inscrición previa a través dun formulario dispoñible na web.
Dende o Museo precisaron que durante este ano vanse desenvolver máis accións conmemorativas, toda vez que esta entidade «custodia a maior parte da súa obra artística, ademais da súa biblioteca persoal e importante documentación sobre unha figura clave para entender o século XX en Galicia desde o punto de vista artístico, literario e político». Ademais, a web da entidade permite achegarse á obra de Castelao de distintas maneiras, dende explorar as obras que forman a súa colección ou realizar unha visita virtual ata descargase o libro centrado na súa figura en formato PDF.