Carlos Núñez ofrecerá «un espectáculo único que só se poderá ver en Pontevedra»

PONTEVEDRA CIUDAD

A Aula de Música Tradicional da Universidade de Vigo colaborará co artista no concerto que ofrecerá este sábado na cidade do Lérez
20 dic 2024 . Actualizado a las 11:51 h.Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura de Pontevedra, ten claro que o deste sábado de Carlos Núñez vai ser «un espectáculo único que só se vai poder ver en Pontevedra». Con algo más de tres cuartas partes das localidades xa vendidas, presentouse este xoves no Concello de Pontevedra o concerto que se desenvolverá, a partires das 21 horas, no Pazo da Cultura no marco da xira Celtic Sea, A Travesia.
Será unha cita no que o músico vigués contará coa colaboración en seis temas da Aula de Música Tradicional da Universidade de Vigo. «É un orgullo, como concelleiro de Cultura, poder presentar unha colaboración deste tipo», engadiu, ao tempo que Luis Torres, director de área adxunto á Vicerreitoría, destacou que xa colaboraron nun tema con Carlos Núñez no 2021, «que supuxo para nós un antes e un despois no desenrolo do noso traballo (...). Se daquela que tocamos unha peza xa foi demasiado, esta vez que tocamos seis xa ten que ser exponencial», engadiu.

Na súa intervención, precisou que a Aula de Música Tradicional naceu no 2016 como un obradoiro no que participaron quince persoas, «agora somos corenta». Trátase dun crecemento que foi parello ao do Grupo de Baile, creado no 2023, e do Coro, apuntou deixando claro que «na Universidade non todo é académico e ríxido, sino que intentamos, dentro da internacionalización que queremos facer da Universidade de Vigo, ter os pés na terra e saber tamén de onde vimos».
Estas palabras foron compartidas polo propio Carlos Núñez: «Encántame falar coa Universidade das palletas dos punteiros de Si bemol, se hai que baixar un pouco máis o tempo desa foliada de Padrenda que imos facer aí, escollendo as pezas do coro, as cancións... Marabilloso, creo que como debe ser», apuntou matizando que «vai ser a presentación, por primeira vez en Pontevedra, do novo disco, Celtic Sea».

O artista vigués debullou como xerminou este traballo discográfico ao sinalar que foi consecuencia da participación no 50 aniversario da compañía Brittany Ferris, de tal xeito que «nos pediu compoñer unha sinfonía e un himno para soar nos barcos que, a día de hoxe, cruzan o Atlántico». Isto terminou fraguando en Celtic Sea, «unha viaxe no tempo e no espazo. No espazo porque é unha viaxe por todos os países celtas, incluída, tamén toda a costa norte e peninsular, e no tempo porque, a día de hoxe, temos xa un pouco máis de coñecemento da tecnoloxía musical ao longo dos milenios».
Neste punto, recordou que cando comezou na música de pequeno, «a música celta era un soño, era do que falaba Murguía, o dos festivais celtas...». Na actualidade, grazas ao traballo das universidades e dos especialistas, «estamos facendo esa, como din os ingleses, esa big picture, esa reconstrución desa realidade da que só tiñamos pequenos fragmentos», incidiu Núñez remarcando o feito de «si, estamos romanizados, Roma e Grecia chegaron aquí, o galego e fillo de latín, si, vale, iso xa o sabemos todos (...), pero de verdade que non gardamos outras cousas anteriores, esencias nosas que quedaron na música, que quedaron na xeografía, e cada vez sabemos que si, e cada vez estamos atopando máis e máis, e por iso creo que Galicia ten algo marabilloso que ofrecer ao mundo», enfatizou.

Neste eido, precisou que «no resto de Europa, noutros lugares, esas tradicións perdéronse, pero aquí todo iso está vivo, e, ademais, temos grandes profesionais, grandes científicos, artistas, e estamos todos facendo equipo», concluíu ao respecto.
O concerto de Carlos Núñez, cuxas entradas pódense adquirir a partir de 19 euros en Ataquilla.com, encadrase no ciclo Resoan do Concello de Pontevedra.