O portugués João Dias estrea en Novos Cinemas o seu filme «Senhora da Serra»
PONTEVEDRA CIUDAD
A venezolana Lorena Alvarado estreará en Pontevedra a súa opera prima, «Los capítulos perdidos»
11 dic 2024 . Actualizado a las 20:05 h.Co marchamo de lograr o premio á mellor longametraxe latinoamericana no festival mexicano de Monterrey, a venezolana Lorena Alvarado presenta e estrea en Galicia este mércores a súa ópera prima, Los capítulos perdidos, no marco de Novos Cinemas. «Impresionoume moito a programación dos anos anteriores e pareceume que podía ser un espazo ideal para a miña película. É unha honra ser parte do festival. Espero que poida darnos visibilidade para seguir mostrando a película en España. Teño moita ilusión por coñecer a outros cineastas, cinéfilos e programadores en Pontevedra», destacou a propia realizadora á organización del Festival Internacional de Cinema de Pontevedra.
Los capítulos perdidos pechará no Teatro Principal, a partires das 21.30 horas, unha nova xornada do festival que arrancará, ás 11 horas, na Casa das Campás coa primeira das citas da sección Encontros. O cineasta burelense Adrián Canoura, integrante do xurado da sección Oficial, ten previsto compartir en exclusiva imaxes de Fomos ficando sós, a súa primeira longametraxe na que explora as relacións paterno-filiais a través dun arquivo documental privado.
Esta mesa sección terá continuidade, ás 12.30 horas, co marinense Ángel Santos, quen presentará Así chegou a noite, a súa terceira película na que se mergulla «na fraxilidade da identidade humana» e coa que se consolida «a traxectoria dun autor comprometido cun cinema de profundidade e emoción», destacaron.
«Voltar á Galiza é, dalgún xeito, voltar a casa»
Entre unha e outra, unha nova proxección da sección competitiva Latexos, na que Novos Cinemas estrea en Galicia o filme Ulysses, de Hikaru Uwagawa (12 h., Teatro Principal), mentres que as proxeccións da sección Oficial deste mércores empezarán ás 16.30 horas coa estrea en España de Un pays en flammes, de Mona Corvent. Posteriormente, ás 19 horas, João Dias e a súa Senhora da Serra, obra que estrea en España, reafirman o carácter internacional de Novos Cinemas. «Coñecín o festival por un realizador e amigo español, Pablo García Canga, que me falou dun festival en Pontevedra organizado por un grupo de xente ecléctica e entusiasta. Algúns anos atrás vivín en Vigo uns meses. Fun feliz aí. Voltar á Galiza é, dalgún xeito, voltar a casa. Hai un significado persoal un pouco emotivo», recoñeceu o propio realizador luso.
Ademais dos encontros con realizadores e a exhibición de filmes, Novos Cinemas desenvolverá a primeira das actividades da sección Aula. Así, a Casa das Campás, dende as 17 horas e con inscrición previa, recibirá ao produtor Jamie Weiss, quen impartirá un obradoiro sobre produción audiovisual en colaboración coa ECAM (Escola de Cinematografía e do Audiovisual da Comunidade de Madrid). Weiss, responsable de filmes como Eles transportan a morte, La hojarasca e A nuestros amigos, a súa última máis recente produción, compartirá a súa experiencia á fronte de El Viaje Films, «produtora que conseguiu consolidarse internacionalmente grazas a un enfoque centrado no proceso creativo».
Deste xeito, o obradoiro «explorará estratexias para navegar as complexidades dos mercados nacional e global mantendo unha visión autoral distintiva, ofrecendo unha visión única sobre o éxito do cinema independente».