Unha serie documental recolle a vida e obra de Rosendo Salvado

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana, o Museo de Pontevedra acolleu a estrea da serie documental sobre a vida e obra do misioneiro benedictino frei Rosendo Salvado, audiovisual dirixido por Valentín Carrera para Televisión de Galicia. Ao longo de catro episodios de media hora, Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia recolle a biografía deste tudense nado en 1814 que foi «viaxeiro, músico, escritor (os seus diarios conteñen un millón de verbas), emprendedor, teólogo (coñeceu a tres papas e participou no Concilio Vaticano), precursor da homeopatía, antropólogo e científico», destacaron dende Bierzo Paradiso.

Ramón Leiro

O certo en que a figura de Rosendo Salvado compaxina «unha vida tan emocionante como descoñecida», polo que Valentín Carrera, director da serie, non dubidou en definilo como «o primeiro galego global da historia, cuxas viaxes compiten con grandes exploradores como

Cook, Darwin, Humboldt ou o tamén misioneiro David Livingstone. Rosendo Salvado cruzou dez veces os mares entre Europa e Australia —navegou máis de cen mil millas—, levando e traendo, nunha xenuína viaxe de ida e volta, descubrimentos, achados, música, cultura, botánica, e novas sensibilidades no seu encontro co Outro».

De igual xeito, destacou que foi un defensor avanzado dos dereitos humanos e da igualdade, toda vez que foi o primeiro que incorpora ás nenas e mulleres á misión.

Carrera ten claro que esta serie «salda unha débeda pendente no patrimonio audiovisual galego: contar a vida e obra de Rosendo Salvado, cun guion profundamente documentado, asesorado por especialistas, e cunha banda sonora de luxo: a música orixinal do propio Salvado».

Dende a produtora resaltaron que «un reducido equipo con dúas unidades de cámara viaxou en xullo pasado a Australia Occidental para percorrer os principais fitos xeográficos» na súa vida, entre eles «a misión benedictina fundada por Rosendo Salvado hai case dous séculos, convertida hoxe en lugar de peregrinación na ruta xacobea desde Australia a Galicia».