O rexurdir de «A filla das ondas», unha das obras máis icónicas de Fina Casalderrey

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

Editada por Kalandraka, este venres presentarase no marco do Culturgal

28 nov 2024 . Actualizado a las 10:54 h.

Recoñece que recibiu a nova de que Kalandraka ía reeditar A filla das ondas con «alegría. Cando din que un libro é como un fillo, os que temos fillos sabemos que non, que os fillos son aínda máis, pero con moita alegría». Tal e como remarca Fina Casalderrey, non é unha reedición ao uso. A primeira edición data de hai vinte e cinco anos «e moitas cousas cambiaron, non só que as fontes de ferro non teñan lingua, porque llas roubaron, ou que daquela non estaba o Centro de Interpretación das Torres Arzobispais, non había os sete edificios que conformaban o Museo...».

Ramón Leiro

Polo tanto, «é unha edición corrixida e aumentada», apunta Casalderrey destacando o feito de que dende Kalandraka «o primeiro que me dixeron é ‘tés, se o necesitas, seis folios máis’. E foi a sensación de como se me quitasen un xustillo ou unha faixa que me oprimía para poder contar as cousas doutra maneira, non tan pendente do número de caracteres, de renunciar a un montón de cousas. De feito, emocioneime tanto que quixen nomear aquelas touradas terribles, touradas no mar das que falaba Filgueira Valverde nun Adral, que se facían polas festas da Peregrina dende as barcas, con arpóns ían cravándollos aos arroaces, que tinguían toda a ría de encarnado, de sangue, (...). Era terrible, tirábanlles pedras dende a beira, pero á hora de convertelo en texto literario ten miga, aínda que sigamos vendo o horror, ou Urco, ese can que naceu das augas igual que as sereas, pero, ao final, tiven que volver a renunciar a esas cousas todas porque senón estaba outra vez nas mesmas», incide á espera da presentación de A filla das ondas que terá lugar este venres na xornada inaugural do Culturgal.

KALANDRAKA

Nesta edición os textos de Fina Casalderrey vense reforzados polas impresionantes ilustracións de Xosé Cobas, con que xa traballara en Un misterio na mochila de Alba, Unha pantasma branca ou O xenio da cidade do sal. «Foi un luxo. Cando traballas con alguén que é amigo, a quen coñeces (...). Non foi para min un descubrimento, pero si que foi moi gozoso», destaca recoñecendo que A filla das ondas é, ante todo, un canto de amor a Pontevedra.

KALANDRAKA

A fin de contas, «ten esa vantaxe de non ter que finxir absolutamente nada. Eu son de Pontevedra. Estudei en Pontevedra. Namorei en Pontevedra. Os fillos naceron en Pontevedra. Vivo en Pontevedra. Cando vou de viaxe, que tamén me gusta, o que desexo despois é regresar a Pontevedra. Non digo a miña Pontevedra para non copiar a Castelao naquela declaración marabillosa, pero eu tamén son de Pontevedra».

De igual modo, Casalderrey apunta que tivo que traballar de novo os textos. «Era o pracer de que agora sei máis (...). En vinte e cinco anos algo aprendes e eu creo que sei escribir un pouco mellor, que sigo aprendendo. Á perfección aínda non cheguei, porque cando me parece que estou achegándome a condenada non me deixa tocala. E tes esa sensación de que sempre se poden mellorar», incide matizando que tivo que facer algunhas precisións «que cos anos ti tamén vas reivindicando e aprendendo, precisións tan pequeniñas», pero, ao tempo, tan simbólicas como mudar «Mariña obedeceu» por «Mariña aceptou». «Parecíame un termo máis de submisión. Son matices que forman parte do teu compromiso coa vida e coas cousas que outras reivindicaron antes e que ti tentas ir mantendo».

Ramón Leiro

«O ilustrador sempre vai detrás do texto, o texto é o que lle vai marcando a liñas, pero, logo, o ilustrador ten a liberdade de facer unha interpretación paralela, un discurso paralelo», remarca, pola súa banda, Xosé Cobas aludindo especificamente á Peregrina, cuxa imaxe abre e pecha o relato, mentres que Santa María preside a cuberta. «É de onde parte a itinerancia que hai por Pontevedra e que escribe Fina rescatando olladas históricas. Os protagonistas vanse parando en determinados puntos onde hai historia, hai arquitectura ou, incluso, arquitectura desaparecida (...). E seguindo as pautas que ela vai marcando vou facendo a miña itinerancia. Vou rescatando eses monumentos, esas historias das que ela fala e que eu poño en valor».

Neste punto, remarca o simbolismo de moitas imaxes. Así, a primeira vez que se ve a Peregrina é a noite de San Xoán e o santuario pontevedrés «aparece nunha especie de nubeiro. O reloxo marca a unha menos vinte da mañá e aínda se conserva o fume dalgunha fogueira, pero hai unha luz que ilumina parcialmente á Peregrina que ven da lúa», mentres que na última ilustración de A filla das ondas, que volve estar protagonizada pola Peregrina, son as tres da mañá e «xa desapareceu o fume. Se na primeira ilustración a lúa intuíase, pero estaba oculta, na segunda vese un anaquiño e a iluminación é distinta, máis nítida».