«Da Boa Vila á Habana», a función que afonda en Pontevedra na orixe do himno galego

PONTEVEDRA CIUDAD

Cerca de noventa profesionais, entre músicos, bailaríns, actores e técnicos, participan nesta representación
24 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Doce músicos da Asociación Gaiteiros Os de Algures, trinta coristas do Coro Vinderel do IES Xunqueira I de Pontevedra, sete bailaríns da Asociación de Danza e Teatro Cafuné, outros seis da escola de danza Pontebaile, dez actores e actrices do grupo de teatro Argalladas e catorce figurantes dos grupos Cafuné, Galidanza e de Tramoias de Algures, xunto con nove responsables de cuestións técnicos, iluminación, son, audiovisuais, atrezzo e montaxe escenográfico compoñen o espectacular plantel de Da Boa Vila á Habana. Non hai dúas sen tres e acabouse. Trátase do espectáculo co que Os de Algures renden tributo ao homes e mulleres «que fixeron a súa vida na emigración e que deixaron a súa pegada nas artes escénicas, musicais e líricas».
Con entrada libre ata completar cabida, o Teatro Principal de Pontevedra será o escenario, a partires das 20.30 horas, dunha representación na que se unen «a música coa lírica, coa danza e co teatro». Está deseñada «para un público de idade avanzada en especial. Pensamos en aqueles que superen os 60 anos e que serán coñecedores de todos os temas musicais do repertorio. E dicir, todos os maiores de Pontevedra», precisaron dende Os de Algures.

O punto de partida deste proxecto é a «historia do nacemento do noso himno», de tal xeito que se presenta «un espectáculo músico-teatral que alumeará unha parte do patrimonio cultural da vila de Pontevedra, co único fin de que non sexa esquecido». Dende Os de Algures sinalaron, neste sentido, que «esta parécenos unha boa oportunidade para facer un recoñecemento a Pondal e a Pascual Veiga, a Curros Enríquez e a José Castro, Chané, e lembrar tamén a Xosé Fontenla Leal como promotores e creadores do himno que hoxe nos representa a todos».
Engadiron que «a partir desta obra, reivindicativa do noso, sobre acontecementos cuxa pegada perdura aínda hoxe na vila de Pontevedra, queremos que todos aqueles que, na actualidade, descoñecen a transcendencia do seu traballo entendan a importancia do legado que nos deixaron estes ilustres galegos».