O director de «Unicorn Wars» inaugura as clases maxistrais dos Premios Feroz

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CESAR QUIAN

Alberto Vázquez estará este martes na Facultade de Belas Artes

18 nov 2024 . Actualizado a las 15:49 h.

Dentro das actividades previas dos Premios Feroz 2025, que celebrarán a súa gala de entrega o 25 de xaneiro, este martes arrancarán na Facultade de Belas Artes de Pontevedra as clases maxistrais de dous recoñecidos creadores.

A partires das 19 horas, o coruñes Alberto Vázquez, ilustrador e debuxante de cómics, entre outras facetas, compartirá cos asistentes como é o seu traballo no sector da animación e como foi a xestación de Unicorn Wars, filme que no 2022 se fixo co Goya á Mellor película de animación e foi candidato ao Feroz Arrebato de ficción, entre outros nomeamentos.

Pola súa banda, o mércores a partires das 19.30 horas, a deseñadora de vestiario Bina Daigeler ofrecerá a segunda das clases maxistrais coa colaboración de Debut, a pasarela do máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda que se imparte en Pontevedra e que desenvolverá este venres un desfile no que catorce novos titulados no mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentarán no Pazo da Cultura de Pontevedra as coleccións que desenvolveron como traballos de fin de máster (TFM).

Dende o Concello de Pontevedra destacaron o feito que esta figurinista alemá afincada en España conta cun nomeamento aos Premios Óscar 2020 polo vestiario de Mulan, dirixida por Niki Caro. Na súa intervención falará de todos os fitos da súa extensa carreira, na que traballou con Pedro Almodóvar e Jim Jarmusch, entre outros cineastas.

A entrada a ambas sesións é de balde, aínda que é preciso retirar as invitacións —ata un máximo de catro por persoa— na oficina de Turismo da Praza de España.