O realizador bretón Maxime Martinot, protagonista do Foco do festival Novos Cinemas
PONTEVEDRA CIUDAD
O ferrolán Alberto Gracia abrirá en Pontevedra o festival con «La parra»
15 nov 2024 . Actualizado a las 18:44 h.Entre o 10 e o 15 de decembro, Pontevedra acollerá a novena edición do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, cita que conxuga «cinema emerxente, estreas internacionais e un foco especial dedicado ao cineasta bretón Maxime Martinot».
Dende a organización salientaron que esta será «a súa primeira retrospectiva internacional nun festival». Deste xeito, o guionista, montador e realizador francés, «que leva máis de dez anos desenvolvendo unha obra na que se mesturan as estéticas do cinema documental, de ficción e o cinema de ensaio grazas á súa destreza editorial, compartirá co público o seu proceso creativo», ao tempo que Novos Cinemas exhibira tres longametraxes e catro curtametraxes, dos que catro serán estreas nacionais e unha estrea internacional.
Está previsto que durante as datas do festival se exhiban cinco dos seus filmes do cineasta bretón, mentres que xa en febreiro completarase o programa coa exhibición dos outros dous traballos.
A sesión inaugural de Novos Cines, por outra banda, correrá a cargo do ferrolán Alberto Gracia, que presentará a súa terceira longametraxe La parra. A obra chega a Pontevedra despois de pasar por prestixiosos festivais como Rotterdam, BAFICI ou a Seminci, onde obtivo o Gran Premio da Sección Oficial Alquimias na súa 69 edición.
No é este o único premio que atesoura La parra, xa que foi galardoada esta semana cun dos Premios Cineuropa do festival compostelán. Coproducida por Filmika Galaika, da man da tamén produtora galega Beli Martínez, esta obra «ofrece unha visión fantasmagórica e postindustrial da cidade natal de Gracia, Ferrol, a través de personaxes fondamente magnéticos e marxinais», engadiron recordando que o festival está organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producciones, ademais de contar co apoio e financiamento do Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o ICAA.
En canto á clausura desta edición, esta recaerá na ourensá Paula Veleiro, que pechará o festival coa estrea de Sepáraste moito, «filme profundamente persoal que se desenvolveu no laboratorio de Novos Cinemas na súa sexta edición e que foi producido por Brais Romero». Veleiro «entrelaza a súa biografía coa dos seus proxenitores, facendo unha reflexión íntima sobre os camiños sentimentais percorridos ao longo da vida».