Citas na cidade do Lérez, Cuntis, Caldas, Poio e Marín
09 nov 2024 . Actualizado a las 05:05 h.Se hai unha festa insolublemente asociado ao outono en Pontevedra e a súa comarca, esta é a do magosto. De feito, son numerosas as citas deste sábado, algunhas delas cun marcado carácter solidario.
É o caso da que desenvolverán distintos colectivos —A Pedreira, Boa Vida, Trepia, APDR, Ateneo de Pontevedra e Pontevedra por Palestina— na praza da Pedreira de Pontevedra a partir das 18 horas. Nesta edición, a cita busca amosar o súa solidariedade co pobo palestino, «causa á que se vai destinar a recadación obtida». Ademais de xogos populares, programouse un recital poético por Palestina e animación musical cos grupos Solima e Morenos Peludos, prolegomeno dunha foliada aberta a quen queira participar.
Cun cariz reivindicativo, pola súa banda, desenvolverase o impulsado pola Asociación Veciñal Altamira-San Antoniño ás 13 horas, toda vez que finalizará a recollida de firmas para a mellora do barrio que se levan recollendo dende maio. A festa, ademais de organizar actividades para nenos e adultos, estará amenizada pola música de DJ Jose e a actuación de Aladino Barros.
Sen saír da cidade do Lérez, e de 18 a 21 horas, a Asociación de Veciños Eduardo Pondal celebrará na rúa Pedro Sarmiento de Gamboa o seu tradicional magosto, «onde a castaña recupera a importancia que o millo e a pataca lle foron arrebatando nos últimos séculos». Haberá castañas asadas, chourizos ao viño, música popular, bailes e xogos para os nenos.
Tamén solidario, pero neste caso cos damnificados da dana que afectou a Valencia, será o magosto que se celebre na praza da Constitución de Cuntis. Rudi Dudi iniciará a festa cun espectáculo infantil ás 12.30 horas, mentres que dende as 13 horas poderanse degustar tapas, callos e castañas. Ás 17 horas organizaranse obradoiros para as crianzas, así como unha chocolatada con actuacións musicais e, xa dende as 19 horas, degustación gratuíta de castañas asadas e música a cargo da Banda de Acordeóns de Cuntis e das Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).
Pola súa banda, e dende as 19.30 horas, o Concello de Caldas estreará localización para o seu magosto, a praza José Sesto Casal. Outra das novidades será que a festa deixarase sentir na vila antes de que comece o magosto, de tal modo que o grupo Os druídas realizará un pasarrúas durante as horas previas. Pola tarde, comezará o reparto totalmente de balde de castañas asadas —máis de 200 quilos— e viño novo amenizado por Os druídas e Son das tabernas, o grupo de Perdecanai liderado por Johnny Gümil.
E en Poio, dobre cita este sábado en Raxó e O Sartal serán. No primeiro caso, organizado pola Comisión de Festas de Raxó, desenvolverase no Centro Cultural Xaime Illa dende as 20 horas, mentres que, unha hora antes, empezara o que ten como escenario o Espazo Municipal do Sartal e que organiza a ACV Ronsel.
Tampouco o Concello de Marín quere perderse esta cita coa organización, por parte da Asociación Cultural Ronsel, dun magosto na Casa de Cultura de Seixo dende as 17.30 horas. Previamente, e dentro das Xornadas Micolóxicas do Ateneo Santa Cecilia, estaba previsto realizar unha saída ao monte.