«O mundo está roto, pero pódese camiñar» fai soñar a 888 escolares de 15 colexios de Pontevedra
PONTEVEDRA CIUDAD
Preto de 888 escolares de quince colexios de Pontevedra e a súa contorna tiveron ocasión de asistir á representación da obra O mundo está roto, pero pódese camiñar no auditorio de Afundación. A peza presenta a historia dunha nena que perdeu prematuramente á súa nai e, desde entón, está enfadada co mundo.
De feito, o seu pai non sabe como romper o muro de incomunicación no que se encerrou a súa filla polo que, buscando solucións, comeza a escribirlle mensaxes en avións de papel que lle lanza cada día desde o balcón e nos que lle encarga pequenas tarefas diarias. «Alí atopará a forza necesaria para reconstruír a súa vida», destacan dende Afundación sobre unha obra que aborda «a memoria dunha nena de 10 anos que se reconcilia coa vida e co seu pai despois de pasar por unha perda traumática».