Etiqueta Negra recibirá a un centenar de expositores do 9 ao 11 de novembro
PONTEVEDRA CIUDAD
A feira «do gourmet galego» alcanza a sñua oitava edición
30 oct 2024 . Actualizado a las 20:13 h.Un centenar de expositores, a presentación vinte produtos novos, máis de 90 actividades programadas e todos os protagonistas do sector —profesionais, produtores e consumidores— reunidos nun mesmo espazo. A feira Etiqueta Negra retorna ao Recinto Feiral os días 9, 10 e 11 de novembro, para converter Pontevedra, durante tres días, no epicentro do gourmet galego.
Viños, licores, cervexas, cafés, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, conservas, setas, legumes, algas, salsas e aderezos, propostas veganas... e unha infinidade de delicias escollidas pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a súa maior calidade. Moitos deles será posible degustalos na Zona de Catas, espazo destacado que ofrecerá unha intensa programación continuada.
Impulsada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra alcanza a súa oitava edición conta co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia, as deputacións de Pontevedra e A Coruña, a Mancomunidade do Salnés, Froiz e Gadis.
A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11.00 a 21.00 h e o luns, de 11.00 a 20.00 h. Para aquelas persoas que desexen pasar todo o día descubrindo sabores, exquisiteces e rarezas, haberá unha zona de comida e foodtrucks con interesantes propostas sobre rodas. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 5 euros.