Mareantes das rías

Víctor F. Freixanes
Víctor F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

PONTEVEDRA CIUDAD

ADRIÁN BAÚLDE

20 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En Pontevedra vivimos con relativa curiosidade isto do Colón galego, que para nós é o Colón da Boa Vila, o Colón do que nos falaba Filgueira Valverde no instituto cando eramos nenos, o Colón da Moureira e das Corbaceiras, unha figura familiar, case doméstica. Tradición non nos falta. Nos xardíns das Palmeiras, mirando a ría, hai un monumento dedicado aos mareantes que visitabamos por estas datas co vello profesor. Non lembro que figurase o nome de Colón, pero si doutros fillos das rías: pai Gómez Chariño, Pedro Sarmiento de Gamboa, Xoán de Nova, Jofre de Tenorio, os irmáns Bartolomeu e Gonzalo García de Nodal, Gago de Mendoza… O monumento inaugurouse en 1959 e foi deseñado por Agustín Portela, aparellador e debuxante, pai do arquitecto César Portela. Os nomes dos navegantes figuraban en letras de bronce —non sei se aínda se conservan— e a carón do monumento—; a xeito de escolta, unha áncora enorme procedente dun dos galeóns afundidos na batalla de Rande en 1702.

O Colón pontevedrés non está referenciado nese monumento. Pero a súa memoria forma parte tamén da cidade. En 1877 o escultor compostelán Juan Sanmartín i Senra realizou en Roma tres figuras en mármore do almirante das Indias. Unha delas foi dar ao pazo de Montero Ríos, en Lourizán, e de alí pasou aos mesmos xardíns das Palmeiras, nesta caso a carón do instituto Valle-Inclán, onde alí segue, rodeado de camelias e roseiras.

Mais a visita obrigada, a que máis nos impresionaba naqueles anos, era a que faciamos aos muros da basilíca de Santa María, onde figura inscrito en pedra do século XV o apelido dos Colón, mareantes que contribuíron a levantar o templo co quiñón da sardiña; e mais o cruceiro de San Salvador de Poio, onde disque puido nacer o descubridor das Indias. Era a xeografía da infancia, que acababa case sempre no museo de Pontevedra, cunha mención especial para Celso García de la Riega (1844-1914), o primeiro que argumentou e defendeu a patria galega do almirante. No devandito museo e na Real Academia Galega hai material para os estudosos, mesmo para coñecer a polémica que no seu día a institución que presidía Manuel Murguía mantivo co pontevedrés. Non moi afortunada, por certo.

O documental que recentemente divulgou Televisión Española, con traballos do profesor José Antonio Lorente, para intentar descubrir a «verdadeira orixe» de Cristobal Colón, apoiándose nos estudos de ADN, concluíron no que xa os estudos galegos afirmaron sempre: que a súa orixe era xudea. O do Mediterráneo é secundario. Ninguén explorou os restos que están na xudaría pontevedresa de Santa María, debaixo do lousado que leva á basílica. A da Boa Vila era unha das comunidades hebreas máis importantes neses anos, con sinagoga propia, igual que as de Ribadavia ou A Coruña, con importante comercio no mar. Polo que parece aínda temos onde seguir enredando.