Unha mostra celebra en Pontevedra os 50 anos de Fuxan os ventos
PONTEVEDRA CIUDAD
Abrirá as portas o vindeiro día 18 no Pazo da Cultura e será visitable ata o 13 de novembro
20 sep 2024 . Actualizado a las 19:57 h.O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá dende o 18 de setembro a mostra Fuxan os ventos, 50 anos de historia que pon en valor o percorrido da emblemática agrupación musical galega. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez e os membros de Fuxan os Ventos Tereixa Novo, Carmen Vázquez, Xosé Vázquez e Xoán Fuertes, presentaron este mércores a mostra, que recolle «material gráfico, sonoro, textos, material inédito, documentos da censura, algunha canción censurada e realmente é unha exposición digna de ver para coñecer o que é esta agrupación na historia de Galicia e coñecer a historia deste país».
Tereixa Novo, que xunto con Carmen Vázquez e Xoán Fuertes leva no grupo dende o seu comezo, quixo facer unha pequena crítica «xa que se non acordamos nós acordamos facer a exposición, non a tería feito ninguén. Non interesa ao mellor coñecer a historia de Galicia dende a perspectiva que Fuxan os Ventos a viu sempre». A mostra ideada polo propio grupo, canalizouse a través dun grupo de mulleres baixo o comisariado de Sabela Fraga, a dirección artística de Melania Freire e a coordinación e produción de Noa Díaz.
A inauguración será o vindeiro mércores 18 ás 19 horas e contará coa asistencia de Sabela Fraga e varios membros da agrupación que intercalarán explicacións sobre a mostra e anécdotas con pinceladas musicais. A mostra permanecerá instalada e visitable no Pazo da Cultura ata o 13 de novembro no horario de visita de martes a venres de 18 a 21 horas; os sábados de 12 a 14 e de 18 a 21; e os domingos e festivos de 12 a 14 horas.
Están previstas visitas guiadas da man dos integrantes de Fuxan os ventos, para as que, unha vez que se confirmen as datas, abrirase a inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal.