«Tres vellas na romaría» abre en Pontevedra a nova edición de Sete Falares

PONTEVEDRA CIUDAD

BASILIO BELLO

Ao longo de sete días, gozarase de contos e historias en catro espazos emblemáticos de Pontevedra

02 jun 2024 . Actualizado a las 16:50 h.

Coa posta en escena de Tres vellas na romaría, a cargo de Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e José Luis Gutiérrez, Guti, botará a andar este domingo no Teatro Principal (20 h.) a doce edición do Encontro Internacional de Contadores de Historias Sete Falares. Para este espectáculo inaugural, ao igual que o de clausura, pódense adquirir as entradas en Ataquilla.com a un prezo de 8 euros, catro euros no caso de estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos.

Con Tres vellas na romaría proponse «unha viaxe equidistante aos tempos de ‘Deus é bo, mais o Demo non é malo’. Un repertorio no que se xuntan os xeonllos esfolados das procesións cos pés encalecidos dos bailes. Parece un mundo esquecido, mais as tres vellas regresan para contalo coa mesma frescura que se fose onte», destacaron dende o Concello.

Este programa, en palabras do concelleiro Demetrio Gómez, é «un proxecto que funciona en Pontevedra desde 2012 —só interrompido pola pandemia— grazas a Pavís Pavós, que son un luxo que temos na cidade. Sería imposible un festival deste tipo sen a súa paixón e os seus coñecementos do mundo dos narradores e narradoras».

Novidades

Nesta edición, ademais, coa novidade de que serán catro os espazos onde gozar cos contos e historias. Como novidade este ano serán catro os espazos da cidade nos que desfrutar de Sete Falares: o Teatro Principal, as ruínas de San Domingos, o Centro de interpretación de las Torres Arcebispais (CITA) e o Parador de Turismo. Deste xeito, e tras agradecer a colaboración ao Parador é a Deputación de Pontevedra, o edil de Cultura resaltou que «serán sete días seguidos de narración oral».

«Todas as historias que se contan en Sete Falares son contos e historias para adultos como foi sempre tradicionalmente. Todos temos na cabeza os contos arredor do lume, os contos na lareira, arredor da cociña de leña na que os máis vellos contaban historias para os adultos e as crianzas escoitaban o que podían. Para nós é moi importante isto, a recollida da tradición oral, unha sociedade que conserva a súa tradición oral, as súas historias conserva a súa memoria. As historias forman parte do que sería o noso imaxinario colectivo que é o que nos fai ter unha configuración como sociedade, como pobo», apuntou, pola súa banda, Xacobe Rodríguez en representación de Pavís Pavós.

Tras a sesión inaugural deste domingo, maña continuará Sete Falares con Atenea García, mentres que o martes será a quenda de Dani Blanco. En ambos casos, nas Ruínas de San Domingos ás 20 horas.