Na División de Honor Juvenil, os pupilos de Perú perdóanlle a vida ao Sporting en Gijón e complican a súa
14 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Arousa regresa ao seu feudo da Lomba tras encarar con éxito os tres desprazamentos consecutivos que o calendario lle deparou. Un xeira que o conxunto que dirixe Luisito Míguez saldou con 7 dos 9 puntos en xogo no seu casilleiro, cedendo tan só un empate, sen goles, no campo do líder e cada vez máis preto de converterse en campión do grupo galego da Tercera R.F.E.F., o Bergantiños. E se o calendario quixo impoñerlle ao Arousa a esixencia de encadear tres desprazamentos no treito decisivo da temporada, tamén hoxe lle pon un test en aparencia asequible, fronte a un Pontevedra B que chega á Lomba (17 horas) penúltimo na clasificación e virtualmente descendido a Preferente Autonómica, toda vez que con 20 puntos, ve a permanencia a 11 cando xa só restan 18 por disputar, incluídos os 3 hoxe en xogo.
Con todo, o adestrador do Arousa coidouse onte moito de advertir de que os números son, nesta Liga de Tercera R.F.E.F., un indicador que facilmente pode levar á ruína ao conxunto máis pintado. Primeiro, poñendo en valor as dúas vitorias conseguidas polos seus homes nos desprazamentos aos campos do Betanzos (1-2) e do Paiosaco-Hierros (0-3), décimo cuarto e décimo sexto nunha competición de dezaseis equipos: «Sé que mucha gente no le da importancia a haber ganado estos dos partidos, pero curiosamente, la semana pasada el Betanzos fue a Ourense y empató, y el Paiosaco visitó al Celta C, y empató. Eso indica lo difícil que es esta categoría y lo duros que son todos los rivales».
Argumentada a súa defensa de que non hai ningún adversario pequeno para o Arousa nesta Liga, Luisito aventurou que o do Pontevedra B «va a ser un partido dificilísimo ante un rival que tiene muy difícil la salvación, pero que es un filial con muy buenos futbolistas en sus filas. Y como te despistes, sabemos que estamos muertos».
Na súa análise do Pontevedra B, o técnico arlequinado fai especial fincapé no perigo que o conxunto do Lérez é quen de xerar se se lle permite despregar o seu fútbol de transición, con «gente muy rápida». Unha proposta na que salienta o nome de Jaichenko, un dos futbolistas do filial granate que teñen xa xogado co primeiro equipo, líder da Segunda R.F.E.F. Manter a máxima concentración é o mandado de Luisito, que se ben sinala que «tenemos la promoción cerca», lembra que «no la tenemos asegurada». Sen ir máis lonxe, onte o Atlético Arteixo vencía o C.D. Estradense 0-2, situándose cuarto a só 1 punto por debaixo do Arousa, terceiro.
Os xuvenís de Perú perdóanlle a vida ao Sporting e complican a súa
O Arousa tuteou onte a todo un Sporting de Gijón nada menos ca no campo de Mareo. Púxose mesmo por diante abrindo o marcador da man de Tymo a sete minutos do descanso, nunha das moitas xogadas en transición coas que lle fixo dano ao seu rival na primeira parte. Puideron os pupilos de Perú mesmo ampliar ben o resultado ao seu favor, con ocasións claras de Memet, de Álex e do propio Tymo nos primeiros 45 minutos, e cun man a man co porteiro de Álex e nunha internada de Raúl no arrinque da segunda metade. Pero o que perdoa soe pagalo.
E o Arousa pagouno moi caro. Un mal despexe custoulle o 1-1 no minuto 47 e un córner mal defendido o 2-1 no 58. O 3-1, noutro mal despexe nunha acción en transición do Sporting, semellaba finiquitar o encontro para os arlequinados no 65. Pero os de Perú inda amosaron o seu orgullo co 3-2, obra de Álex, para ver afogados os seus intentos por, a lo menos, volver cun punto a casa ao atoparse no minuto 89 con Rodrigo de la Llana aproveitando a falta de entendemento entre o porteiro e un central vilagarciáns. O Arousa entra así nas tres últimas xornadas da División de Honor en descenso.