O Mariscos Antón Cortegada busca na cancha do Arxil aferrarse á carreira pola fase de ascenso

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

O adestrador do Cortegada recoñece a superioridade física do Arxil
O adestrador do Cortegada recoñece a superioridade física do Arxil Martina Miser

Álvaro Fernández apunta á orde no xogo vilagarcián como clave para gañar en Pontevedra

27 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Con outros once partidos inda por diante, practicamente case toda a segunda volta da Liga, puidera parecer excesivo falar de partido clave. Pero o certo é que, a lo menos para o Mariscos Antón Cortegada, a clasificación leva a tirar de lugares comúns á hora de valorar a transcendencia do seu derbi hoxe co Arxil en Pontevedra (19.30 horas). 

A urxencia do conxunto vilagarcián vén dada polo seu inesperado tropezo a semana pasada a mans do modesto Náutico Tenerife, relanzado na súa loita por evitar o descenso tras asaltar o parqué de Fontecarmoa 2 cun contundente 50-65. Sumado ao resto dos resultados da última xornada, o Mariscos Antón quedou a dous triunfos do terceiro e do cuarto clasificados, o León e o Maristas Coruña, con dez no seu haber, polos oito do cadro arousán, sexto.

O C.B. Arxil, pola súa parte, é quinto con nove vitorias e chega necesitado tamén ao derbi. No seu caso, logo de caer nas súas dúas últimas comparecencias na Liga ante dous rivais directos por ocupar as catro prazas con dereito a xogar a vindeira fase de ascenso á Liga Challenge: 86-79 na cancha do B.F. León e 73-47 no feudo do Miralvalle Plasencia, o único conxunto quen de manter a tiro o líder invito, o Segle XXI.

O adestrador do Cortegada, Álvaro Fernández, sinalaba na véspera que «esta ha sido una semana especial, por primera vez —desde a súa chegada ao vestiario de Fontecarmoa 2— tras derrota», logo de saldar o Mariscos Antón con tres triunfos os seus primeiros compromisos co técnico catalán á fronte. Fernández agarda que o tropezo co Tenerife, que atribúe a unha mala entrada no partido e un défice de intensidade, sirva para aprender e enfocar correctamente o duelo co Arxil. A súa receita para gañar a «una de las 2-3 mejores plantillas de la Liga» e un xogo interior liderado pola MVP do grupo, Nerea Liste: «Jugar ordenadas para buscar buenos tiros».