Amil sen eólicos

Gonzalo Sancho Blanco, presidente da asociación Vaipolorío PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Gonzalo Sancho é o presidente da asociación Vaipolorío
Gonzalo Sancho é o presidente da asociación Vaipolorío RAMON LEIRO

07 dic 2023 . Actualizado a las 09:49 h.

A natureza e as súas forzas sempre foron e serán opotunidades e recursos para a humanidade. Como tales valores tamén sabemos que non están exentos de ameazas. Esta dualidade dáse en moitos factores, como o vento, o mar, a auga da choiva e mesmo o aire que respiramos. As Brañas do Acibal son unha paraxe idílica, un locus amoenus. Debería de ter todas as figuras de protección ambiental e biolóxica que a lei prescribe nestes casos. Precisamos de moito control, porque si deixamos liberdade total, os recursos acaban desaparecendo. Digamos o mar, por exemplo. Ai, se non houbese control. O mar iría a pique. 

No tema das enerxías temos o Consello Económico e Social de Galicia (CES) que vén de reclamarlle á Xunta de Galicia a posta en marcha dunha empresa pública de enerxía. A titularidade das instalacións de xeración de enerxía eléctrica de Galicia está en mans de compañías estranxeiras, cuxa sede social e tributaria está fóra da nosa comunidade. O 88 % da potencia da enerxía hidráulica e 75 % da eólica. O que reclama o CES é para que «cante outro galo galego». Téñenno que pedir eles?. A Xunta de Galicia non o ve? 

Oportunidades e recursos tamén son os seres vivos do ecosistema, a paisaxe; a paz, o silencio e o aire que respiran estes veciños que non queren o parque eólico nos montes de Amil. Os axados arqueolóxicos son parte primordial da nosa existencia e historia, legado atávico dos nosos devanceiros. Como se pode desprezar esta peza tan fundamental da nosa cultura cun potencial económico ainda por descubrir? 

A Xunta de Galicia está moi equivocada desatendendo as demandas da sociedade que pide «Amil sen eólicos».