Clara do Roxo, escritora: «O entusiasmo foi inmediato porque no Museo nunca fixeran nada que non fora divulgativo»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

O conto, que contén ilustracións de Xavier Magalhães, narra a amizade entre unha nena introvertida e o pantasma de Teucro

01 dic 2023 . Actualizado a las 19:04 h.

Con Mar e a pantasma das treboadas, o Museo de Pontevedra abriu unha nova xanela para achegarse ao público máis novo. «Sempre me gusta visibilizar algunha problemática que teña a mocidade. Neste caso é unha rapaza moi introvertida, que non quere saír da casa, non lle gusta relacionarse», sinala a autora deste conto, Clara do Roxo, que inclúe ilustracións de Xavier Magalhães.

—Como xurdiu o conto?

—A idea xurdiu hai xa uns anos porque había un certame da Deputación sobre o Museo e fixen un relatiño moi pequeno, pero non me deu tempo a presentalo e quedou na casa. Hai cousa dun ano e medio ou así mandeille un correo ao Museo porque teñen un servizo de publicacións dicíndolles que tiña un conto ambientado no Museo e que, ao mellor, lles podería interesar.

—Cal foi a resposta?

—A verdade, foi instantáneo. É a primeira vez que me pasa unha cousa así. Dende o principio, non teño máis que palabras de agradecemento porque os autores que non somos tan coñecidos non estamos acostumados a isto. Chamáronme ao día seguinte, entrevistáronme e mostreilles as liñas máis salientables do conto e deilles o orixinal para ler. O entusiasmo foi inmediato porque nunca fixeran nada que non fora divulgativo. O conto ten como protagonistas ao Museo, a Teucro, o heroe con mala sorte da Guerra de Troia, e unha rapaza. Dixéronme que si a todo. Foi marabilloso tratar con eles, sobre todo, con Ángela Comesaña. Foi impresionante como se involucrou no proxecto.

—Lembra como coñeceu o Museo de Pontevedra?

—Coñezoo dende sempre porque vou moito a todos os seus edificios. Estudei Xeografía e Historia e pertenzo á Aula de Arte da UNED de Pontevedra polo que o Museo dende sempre o visitei moito. O Tesouro de Caldas e os machados de man gustáronme sempre especialmente. Visitei e visito moito o Museo, é un espazo no que me atopo moi ben.

—Haberá continuidade para «Mar e a pantasma das treboadas»? Que outros proxectos ten?

—O vindeiro proxecto é coa editorial Elvira, un proxecto tamén para nenos que está ambientando no Courel. É un proxecto moi bonito, ademais, porque os personaxes inventounos o meu marido para o noso fillo, aínda que a historia escribina eu. En principio sairá nos tres primeiros meses. E logo hai unha novela para adultos que vai saír ao longo do ano que ven. Pero non quería esquecerme desta historia que está ilustrada por un artista amigo, Xavier Magalhães, ao que metín eu nesta lea e que creo que foi ben porque inauguraron [no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra] unha exposición cos orixinais de todas as ilustracións do conto. É un proxecto moi bonito no que estamos persoas moi involucradas. É unha cousa moi chula.