Os cineastas Álvaro Gago, Nani Matos, Olga Osorio e Jaione Camborda, grandes protagonistas de AuGal

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

LÓPEZ PENIDE

A Master Class do Audiovisual Galego alcanza a súa trece edición

28 nov 2023 . Actualizado a las 13:29 h.

A trece edición de AuGAL, Master Class do Audiovisual Galego, arranca este mércores na Facultade de Comunicación de Pontevedra cunha sesión centrada na longametraxe O corpo aberto, da realizadora Ángeles Huerta.

AuGAL terá nesta edición un especial acento feminino, xa non só polos títulos escollidos para analizar os procesos creativos e técnicos do cinema e a televisión que se fan en Galicia, senón polas persoas que participarán nas actividades programadas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen estivo acompañado por, entre outros, Emma Torres, decana da Facultade de Comunicación, Paulino Pérez, profesor desta facultade e coordinador de AuGAL xunto co escritor e crítico de La Voz Miguel Anxo Fernández, subliñou a dobre vertente desta iniciativa. Por un lado, a súa finalidade formativa arredor dos procesos creativos e de produción e, por outro, amosar a ollada feminina das producións escollidas, «tendo a principal referencia a Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián para O corno, de Jaione Camborda», quen intercambiará impresións cos asistentes o vindeiro 21 de febreiro.

Javier Etxezarreta | EFE

No caso de O corpo aberto será presentada polo seu produtor, Gaspar Broullón, mentres que o 19 de decembro as produtoras Silvia Fuentes e Anxos Fazáns, xunto co director Ángel Filgueira presentarán Cando toco un animal. Previamente, o 12, desenvolverase o terceiro Concurso A Canteira-Augal coa selección e visionado de oito curtametraxes.

As curtas tamén serán protagonistas o 7 de febreiro coa exhibición de Antes de que se poña o sol, de Nani Matos, A entrevista , de Fernando Tato, e Amanece la noche más larga, de Carlos Fernández de Vigo. O 28 dese mesmo mes está programada Salta!, coa participación de Olga Osorio, un protagonismo feminino que tamén se reflicte en Matria, de Álvaro Gago, que centrará a xornada de clausura o 27 de marzo.

XOAN CARLOS GIL

Tamén a televisión estará presente en AuGAL a través da serie Motel Walkirias, que presentará o seu director, Ghaleb Jaber Martínez, o 6 de marzo.

Jacobo Sutil destacou que estas oito sesións amosan a «diversidade e a transversalidade da creación audiovisual galega en canto a xéneros e formatos».

LÓPEZ PENIDE

Esta programación completarase cun obradoiro de guión a cargo de Sara Varela, Creación dun microrrelato, con sesións o 1 e 15 de decembro e 9 de febreiro.