Marcos Dios Aguado: «Foi curioso meterme nese papel de coidador e poder ir vendo»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Marcos Dios Aguado coa figura coa que interactúa en «Coidad@», a súa proposta artística
Marcos Dios Aguado coa figura coa que interactúa en «Coidad@», a súa proposta artística MANUEL G. VICENTE

O actor, director e creador de monicreques pontevedrés fala de dependencia e relacións interxeracionais na súa última obra, seleccionada nas Axudas REGA 2023

29 nov 2023 . Actualizado a las 12:08 h.

Marcos Dios Aguado (Pontevedra, 1980) vén de rematar a súa residencia de traballo na Cidade da Cultura de Santiago. Este actor, director e creador de monicreques foi un dos catro artistas seleccionados nas Axudas REGA 2023 á creación artística. Hai uns días presentaba en público a súa proposta, Coidad@, na que fala sobre os coidados, a dependencias, as relacións interxeracionais e os estereotipos que nos enfrontan á hora de relacionarnos. Marcos formouse na Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid (Resad).

—Antes de afondar na súa obra, ¿como foi a experiencia desa residencia de traballo?

—Foi moi ben. A posibilidade de poder ter o espazo para min, a dispoñibilidade total e a oportunidade de poder facer o que tiña previsto sen ningún tipo de restrición durante un mes e medio e sen a preocupación económica un pouco detrás de estar facendo malabares como sempre.

—¿Que inclúe a axuda?

—Inclúe unha dotación económica que son oito mil euros para todo o proceso de creación e de investigación. Tes libre disposición para dispoñer dos cartos, no desprazamento, no alugueiro, se tes que pagalo. É importante porque falando coas outras rapazas non ten nada que ver poder estar alí con esas condicións. Eu vivín en Santiago porque coincidiu que tiña unha amiga cunha habitación libre. Foi un pouco de carambola, a estadía foi moi intensa, pero ao mesmo tempo moi contra reloxo. Había unha presión, non pola institución, é máis unha presión autoimposta. Ás miñas compañeiras [Ana Pérez, Edita Rodríguez e Sara Donoso] tamén lles pasou.

Coidad@ é súa proposta. Fala de coidados e representa a unha muller maior, cunha figura de tamaño humano, dependente dos coidados dun home máis novo...

—Foi un pouco co paso do tempo. Hai un par de anos que o proxecto viña facéndose na cabeza, resoando cousas. Ese avellentamento da poboación, ter visto na casa como se coidaba aos maiores, os meus avós xa morreron. E teño unha irmá que traballa nunha residencia e é fisioterapeuta de persoas maiores e como contaba que hai unha falta de coidados ás veces nesa industria do coidado. Quería ver que pasa.

—As veces a liña entre o negocio e os coidados é complicada...

—É difusa. As veces está ben porque coidar na familia cando a persoa é moi dependente funde ao familiar. Por ese lado está ben. Pero por outra parte hai o negocio e a roda ten que seguir e os traballadores teñen uns horarios, uns obxectivos e a balanza é complicada. Tamén está a feminización do coidado, é un sector dos máis feminizados e si que me chamaba a atención. Eu vivo entre Madrid e aquí. En Madrid maioritariamente o que miraba na rúa eran mulleres que coidaban homes, e aquí non, tamén vexo moitas mulleres coidadas. Iso tamén me chamou a atención, por que, é a socioloxía, é o poder adquisitivo que é diferente. Quería tamén traballar nese punto e ver que pasa cando lle das a volta, a ese reparto xenérico.

—Porque aquí quen coida é o home.

—Quería ver que pasa ao revés, cando se subvirte esta normalidade do reparto. Foi curioso meterme nese papel e poder ir vendo. Foron moitos presupostos e logo desde dentro, o proceso creativo vai cambiando, e vas descubrindo cousas que non miraras e que forman parte da investigación. Por exemplo, prestei no proceso creativo moita atención ao coidado nos detalles, non sei se ten que ver cunha enerxía máis masculina, con que son máis novo. Ao manipular o monicreque dinme conta de que tiña que prestar máis atención aos pequenos detalles que ía incluíndo. Unha saba era unha saba, logo a mentora díxome algo de que ‘a miña nai gústanlle as puntillas’ e iso fíxome pensar, ¿que lle gustaría a esta muller? A raíz diso comecei a involucrarme no detalle, no coidado do pequeno e puxen puntillas á saba, a pintar a cadeira dunha maneira determinada, o andador a xogo.

«A verdade é que a Cidade da Cultura me inspirou» 

O artista vai debullando o que quixo transmitir con Coidad@ e as súas sensacións ao traballar na Cidade da Cultura.

—O 23 de novembro presentouse publicamente a obra. ¿Que vai pasar despois con ela?

—Dentro das axudas á creación o que che piden é que mostres o proceso. Eu escollín facer unha peza de media hora porque para máis non dá tempo. Vou estar interactuando con ela e vou mostrar a dramaturxia á que cheguei, unha peza pequena. E logo despois diso farei un aparte para explicar o proceso creativo, para que a xente vexa todos os materiais porque foi unha investigación. Como todo iso ten moita importancia, como traballas e que poidan ver e incluso tocar os materiais e as ferramentas que se empregaron. Que poidan percibir como foi ese proceso.

—¿Formará parte da programación da Cidade da Cultura?

—Non é algo efémero, o proxecto consiste en crear unha peza grande dunha hora, pero nun mes e medio era imposible. Vaise gravar, para deixar rexistro gráfico na Cidade da Cultura e poder usalo na seguinte convocatoria.

—A Cidade da Cultura foi unha obra faraónica e un proxecto, o de Peter Eisenman, controvertido. ¿Como foi traballar nese espazo, que sentimentos lle xerou?

—Eu non a coñecía, si coñecía un pouco a polémica por riba. O lugar coñecíao de lonxe, nin sequera estivera alí para nada. A verdade é que me inspirou. É un lugar moi escenográfico, fixen milleiros de fotos, publicaba no Facebook e dicíanme ‘Quédache algún ángulo por fotografar alá?’ Ten algo, unha cousa tan grandilocuente, tan saída de marco, é unha obra faraónica. Cando estás alí dun xeito creativo, si que hai un punto que te leva, que te axuda. Eu estaba encerrado oito horas no meu cubículo. Decatábame de que chovía cando saía comer, do resto non. Ten moitas perspectivas por descubrir, moitos recunchos. O pouco que hai a nivel expositivo me deu un pouco de creatividade, pero tampouco parou de chover. Pero entendo a polémica pola brutalidade do gasto.