Touradas no século XXI

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

PONTEVEDRA CIUDAD

Salvador Sas | EFE

25 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A imaxe máis brutal de agosto acontece sempre en Pontevedra. Como se non estiveramos no século XXI, cada verán, coa presenza de destacados políticos, puro en boca, celébranse touradas, ou sexa, corridas de touros. Festa Nacional. Españolía.

Como dicía aquel gran filósofo sen dúbida tan amado polos amantes desta cousa horripilante, Mauricio Colmenero, «ole, ole y ole!».

O espectáculo consiste, basicamente, na lenta tortura dun animal que é atravesado por unha lanza que o vai desangrando aos poucos; un segundo sangrado a partir dunhas «banderillas», que veñen sendo uns ganchos que lle van desgarrando a carne, abríndolla violentamente cada vez que o inocente se move, para, finalmente, ser mareado durante minutos por un señoriño vestido de entroido que, cando considera, saca unha espada máis grande ca el para espetarlla no medio do lombo, perforándolle os pulmóns e todo canto órgano vital precisa para sobrevivir. Alén disto, un grupo numeroso de persoas aplaude, vitorean e dan palmas acompañando ao toureiro, que, vai ti a saber por que, é chamado «maestro» no mesmo país no que os mestres cada vez teñen máis atrancos para exercer cun mínimo de dignidade un oficio que, vanme permitir, é moito máis importante que o de toureiro.

Seica a Unión Europea está estudando pedirlle a España que peche as escolas de tauromaquia nas que, segundo os responsables comunitarios, «se lles aprende aos nenos e ás nenas torturar un animal». En Europa, como adoita suceder, están máis avanzados en moitas cousas. Sobre todo en sentido común. Pois permitir e incluso apoiar esta barbaridade ten pouco de sentido común. É un espectáculo cruel e indecente para darlle gusto a quen ten, cando menos, un chisquiño de sadismo máis ou menos agochado.

Cada mes de agosto sinto a vergonza de saber que na cidade de Castelao, Bóveda e tantos movementos ilustrados se perpetra esa actividade inmoral. Porque se sabemos que un grupiño de xente se xunta para matar lentamente un gato, botariamos as mans á cabeza. Como facemos cada vez que lemos que se abandonan cans ou se fai calquera outra, precisamente, animalada, reaccionamos con espanto.

Mais en Pontevedra, seica, o tempo está parado. No século XIX. Só falta que organicen bailes de presentación de señoritas en sociedade para que a caspa saia toda. Ah, espera, que iso tamén pasa en Pontevedra no mes de agosto…