Marisol Vence, estrela dobre

Xavier Lama OBITUARIO

PONTEVEDRA CIUDAD

Marisol Vence, no seu lugar de traballo na redacción da TVG
Marisol Vence, no seu lugar de traballo na redacción da TVG CEDIDA TVG

No falecemento da xornalista pontevedresa, durante 25 anos vinculada aos informativos da TVG

17 ago 2023 . Actualizado a las 18:30 h.

«A morte só te importancia na medida en que nos fai reflexionar sobre o valor da vida». Esta frase de André Malraux, experto en tantas aventuras vitais, resume o legado que nos transmite a xornalista pontevedresa Marisol Vence. Recibiu sepultura este 16 de agosto no cemiterio de San Mauro con 65 anos, pero déixanos a pegada da muller combativa, chea de afouteza, insubornable ante o golpe persistente da enfermidade, porque nunca viviu a dor ou a parálise como unha humillación.

Marisol foi bolseira na revista Teima, aquel barco utópico que dirixiu o seu tío Ánxel Vence, traballou na Xunta durante os gobernos de Albor e Laxe, logo ocupou cargos directivos no Xornal Diario e acabou exercendo a profesión na Televisión de Galicia durante máis de 25 anos. Na tele galega era doado vela facendo unha nova sobre un turbio suceso ou unha operación saída de tráfico. Por certo, a súa propia operación saída desta vida remítenos ás imaxes dunha famosa película de Bergman. Podemos imaxinala como unha xogadora de xadrez impasible que disputa unha partida nun taboleiro ante a Morte (así, con maiúsculas) coa actitude impertérrita de quen tenta esquivala con trucos mentais ata o último alento.

En realidade, regálanos un incendio de vida, unha lección de vitalidade sen fraquezas, porque converteu o seu desexo de seguir existindo neste mundo no mellor antídoto fronte ao inverno do cancro estragador. E así continuou, compartindo xantares e tertulias, ela xa en cadeira de rodas, como se a enfermidade fose unha visitante equivocada e só un chisco persistente.

Xa na madurez descubriu dúas paixóns: a cultura italiana e a astronomía. Esta última transmitiulla o armenio Vakhtang Tamazian, un profesor da USC experto en estrelas dobres ou binarias. Marisol foi tamén, dalgún xeito, unha estrela dobre cos seus momentos de borrasca seguidos da calma afagadora que convidaba ao parolar relaxado e ao destilado confidencial. Un carácter atlántico e mediterráneo a un tempo que deixaba pegada e exercía un peculiar magnetismo, todo iso aderezado coas súas típicas faíscas dun humor que podía resultar amable ou sarcástico. Ela era tamén a sempre xenerosa muller supergen, como lle dixen algunha vez, o pegamento que propiciaba a converxencia das amigas en citas e encontros periódicos.

Nestes últimos cinco anos e medio de travesía tivo a compaña das integrantes daquela entrañable Redacción da fin de semana da TVG (Rosa Bello, Elena Pedreira, Piedad Cabo, Teresa Castelo), das irmás e o irmán e de María Malvar, a cuñada que se converteu no anxo tutelar, na súa infatigable aliada no combate de cada día. En fin, foise deste mundo continxente Marisol Vence Arias, xornalista de vocación, pero déixanos un manacial de luz e tamén un manual de batalla desde a flemática normalidade fronte á intemperie da morte. E non podemos deixar de pensar no seu regueiro de anécdotas incomparables, que nos fan ensanchar un sorriso de vida no rostro e na alma nestes momentos de loito.