Chega Itineranta a Pontevedra: «Hai que saír á rúa e deixarse levar»

PONTEVEDRA CIUDAD

Nove compañías e once espectáculos sorprenderán a veciños e visitantes do 26 ao 28 de xullo. A imaxinación está garantida entre as 20 e 23 horas
24 jul 2023 . Actualizado a las 19:52 h.O festival de espectáculos de rúa de Pontevedra, Itineranta, volve ás rúas e prazas da cidade tralo parón pola pandemia. O programa da duodécima edición presentouse este luns no Concello de Pontevedra da man do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez (BNG), e Sergio Rodríguez, de Troula. Itineranta desenvolverase entre este mércoles e o venres no centro histórico. O concelleiro afirmou que o festival está «absolutamente asentado» e está na axenda de Pontevedra, unha cidade que se adapta a este tipo de espectáculos. «Como experiencia de usuario, hai que saír á rúa e deixarse levar con todos os sentidos». Pola súa parte, Sergio Rodríguez dixo que ese espírito é o resumo do festival: «Saír á rúa e que pasen cousas».
O programa de Itineranta deste 2023 inclúe nove compañías e once espectáculos. Hai compañías de Cataluña, Aragón, Andalucía, País Vasco e Galicia, e tamén de Portugal. «Hai unha compañía, Pía, de Portugal, da que levabamos varios anos detrás dela», apuntou Sergio Rodríguez. Sobre os espectáculos, hai varias rutas deseñadas para que se solapen. Haberá catro propostas cada xornada, entre as 20 e as 23 horas. Hai un espectáculo Wonderwool, de Actúa Producciones, que non ten ruta asignada. As compañías participantes son Todo Zancos (Badalona), Cía. Cirteani (Zaragoza), Latexo Percusión (Santiago de Compostela), Pablo Méndez Performances (Pontevedra), Actúa Producciones (Barcelona), Fadunito (Cervera), Yera Teatro (Granada), Pía (Pinhal Novo-Portugal) e Deabru Beltzak (Bilbao).