Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia: «Creo que toda a sociedade galega é fan de Reizentolo»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CEDIDA

O libro «Antes molabamos máis» recolle os vinte anos de historia desta empresa téxtil pontevedresa

13 jul 2023 . Actualizado a las 11:38 h.

«A idea xurdiu hai xa cinco anos. É un libro que ven de moi atrás. No momento no que Pablo Rodríguez, un dos fundadores de Reizentolo, entra en contacto comigo para dicirme que en cinco anos van facer os vinte e se podíamos facer algo. E eu son moi fan de Reizentolo. Creo que toda a sociedade galega é fan de Reizentolo polo que nos apetecía facer algo xuntos», explica Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, cando lle preguntan sobre a xénese de Antes molabamos máis, volume que recolle a historia da empresa de deseño téxtil Reizentolo.

—Que destacaría deste libro?

—Que é moi Reizentolo. O libro é unha festa cromática porque se recollen a práctica totalidade dos deseños destes vinte anos, ao tempo que se analizan. Para unha editorial como Galaxia, que leva 73 anos ao servizo do país, é moi interesante traballar con outras iniciativas empresariais exitosas que levan a Galicia como seña de identidade, como bandeira. Naceu de moitas conversas e de empezar a soñar xuntos o libro. Eles puxeron a parte gráfica e nós buscamos autoras e autores que puideran dar a súa visión sobre Reizentolo.

Xurxo Souto, Kiko da Silva, David Amor, Ana Cabaleiro, Inma López Silva, Mercedes Corbillón, vostede mesmo... E así ata unha vintena de nomes.

—Hai de todo. Hai escritores, xornalistas, youtubeiros, ilustradores, avogados, mestres, cómicos e moitos escritores. É un pouco unha representación de todo o país.

—Unha radiografía de Galicia.

—Si, claro. Quere ser unha publicación moi plural como é un pouco o éxito de Reizentolo. Se me apuras, Reizentolo é como Estrella Galicia, un exemplo de éxito transversal. Podes ver señoras e señores de alto nivel adquisitivo coas súas camisetas e podes ir ao extrarradio das vilas e atopar a xente coa Rosalía feminista ou coa camiseta dos pementos de Padrón, uns pican e outros non. É como Estrella Galicia que nos gusta a todos independentemente de onde vivamos. É un dos grandes méritos de Reizentolo. Forma xa parte do folclore no sentido alemán da palabra folk, pobo. A representación no libro tiña que ser moi plural e moi aberta tamén.

—E cal é o seu deseño favorito?

—Eu escollín a camiseta sobre o licor café. É na que está Keith Richards, o guitarrista dos Rolling Stones, tomándose un licor café. Eu son un gran fanático do licor café. Miña nai facíao como boa filla da provincia de Ourense para toda a familia. Teño a imaxe, e o conto no meu texto, de ser moi pequeno, falo dos 6 anos, e estar fora da cociña vendo a miña nai facer o licor e todos o meus tíos varóns, medio ansiosos, comigo esperando a que a señora Marisa, miña nai, rematase.

—Parafrasenado o libro, antes molabamos máis?

—Reizentolo mola tanto o máis que antes, o que pasa é que se teñen un elemento distintivo, é a retranca. Tivemos claro dende as primeiras conversas que non podía ser un libro institucional, nin un libro empresarial, nin un libro histórico. Tiña que ser un libro Reizentolo e, polo tanto, a ironía, a retranca está por todas partes. Tamén nos textos. Polo que o título tiña que ser igual de retranqueiro.

—Haberá unha presentación especial deste volume?

—Reizentolo está a facer moitas cousas relacionadas co aniversario e o libro enmarcase dentro destes actos de aniversario da empresa. Evidentemente, nós vamos a facer unha gran festa cando saia o libro.